Nova: Seleccionados os 23 espectáculos para exhibir no Galicia Escena PRO

07/10/2014

Seleccionados os 23 espectáculos para exhibir no Galicia Escena PRO

Ofrecen unha panorámica da máis recente produción galega en teatro danza, novo circo, maxia e novas tendencias escénicas

Compañías consagradas e de nova creación conviven na carteleira deste encontro profesional de artes escénicas, que se desenvolverá do 3 ao 5 de novembro en Santiago
 

  • Galicia Escena PRO 2014

Santiago, 7 de outubro de 2014.-  O web da Agadic (Axencia Galega das Industrias Cultrais) publica hoxe a relación das 23 propostas seleccionadas para a nova edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego das artes escénicas que terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 5 de novembro.

A carteleira que se despregará en cinco escenarios da cidade –a Sala A e a Sala B da SGAE/Fundación Autor, o auditorio da Fundación Abanca, o Salón Teatro e o Teatro Principal– estará configurada por un total de 11 espectáculos completos e outros 12 en formato ‘showcase’, a través dos que se ofrecerá unha panorámica da máis recente produción galega en teatro para público adulto e infantil, danza, novo circo e maxia, cunha atención específica ás novas tendencias escénicas.

Formato completo
Na categoría de espectáculos completos, a comisión encargada desta selección elixiu ‘Avestruz en terra allea’ de Berrobambán, ‘Bobas & Galegas’ de Producións Teatráis Excéntricas, ‘Pequenas certezas’ de Sarabela Teatro e ‘Demolición’ de Talía Teatro como propostas para público adulto; ‘Ra, Ra, Ra’ de Abrapalabra Creacións Escénicas, ‘A casa do avó’ de Tanxarina e ‘Rumpelstikin, a anano saltarín’ de Trompicallo & Kalina Teatro como teatro para público infantil; a produción de danza ‘Que volvan as flores’ de Pisando Ovos e a de novo circo ‘Desperta’ de Pistacatro Produtora de Soños, así como as montaxes de dúas compañías de recente creación que están a traballar no ámbito das novas tendencias escénicas: ‘Pan! Pan!’, da Panadaría, e ‘Perplexo’ de IlMaquinario Teatro.

En canto aos ‘showcases’, Galicia Escena PRO presentará ‘As fillas bravas’ de Chévere como teatro para público adulto; ‘Psicópata’ de Antón Coucheiro e ’30 e tantos ósos’ de Aporía dentro do ámbito das novas tendencias; a peza músico-teatral ‘Muller cine’ de BB Producións; as de danza ‘Illas Atlánticas’ de A Producións Artísticas e ‘Stay’ de Cisma Danza; as de maxia ‘ReilusiónArte’ do Mago Rafa e ‘Os anos oitenta vistos polo Mago Teto’ do Mago Teto, e as infantís ‘Pedro e o lobo’ de Fantoches Baj, ‘Gatuxo’ de Magín Blanco, ‘Cocido sinfónico’ dos Tres Tenedores e ‘Roedores’ de Redrum Producións.

Programadores e distribuidores
As representacións de Galicia Escena PRO diríxense prioritariamente a programadores, distribuidores e promotores culturais co obxectivo de impulsar e dinamizar a contratación dos espectáculos de produción galega. O público xeral tamén poderá asistir ás funcións programadas naqueles recintos que dispoñan de capacidade superior en número de butacas á cifra de profesionais acreditados.

A primeira edición de Galicia Escena PRO celebrouse en 2013 coa asistencia de máis de 50 programadores e axentes culturais galegos. O evento, herdeiro da antiga Feira das Artes Escénicas de Galicia, perfilou a súa dobre vertente como escaparate para impulsar a contratación dos espectáculos galegos e como plataforma para promover unha maior visibilidade social da actividade escénica.
 

Comparte