Nova: A exposición 56 páxinas das nosas Letras exhíbese en Lisboa

19/10/2018

A exposición 56 páxinas das nosas Letras exhíbese en Lisboa

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe á tarde na inauguración da mostra promovida pola Xunta, o Parlamento e a RAG para poñer en valor as figuras dos homenaxeados cada 17 de maio desde 1963

Pódese visitar na Casa dos Açores ata o vindeiro 4 de novembro

Valentín García asistiu tamén no Centro Galego da capital lusa á apertura da exposición Azores, Silencio e Ser

  • 56 páxinas das nosas Letras 56 páxinas das nosas Letras

Lisboa (Portugal), 19 de outubro de 2018.- A exposición 56 páxinas das nosas Letras, promovida polo Parlamento galego, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega (RAG) para poñer en valor as figuras homenaxeadas cada 17 de maio desde 1963, exhíbese desde hoxe e ata o vindeiro 4 de novembro na Casa dos Açores en Lisboa. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe á tarde no acto inaugural, no que quixo recordar a relación e a estreita colaboración entre os galeguistas que foron recoñecidos polo Día das Letras e a intelectualidade portuguesa, “unha relación que só pode beneficiar as dúas partes de dous países que aínda hoxe se chaman irmáns pola súa proximidade, tanto xeográfica como cultural e lingüística, por canto supón unha ponte de unión entre máis de 250 millóns de falantes de galego e portugués en todo o mundo”.

No acto interviñeron tamén o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a presidenta da Asemblea Lexislativa dos Azores, Ana Luísa Pereira; e o catedrático e académico da lingua galega Ramón Villares, ex-presidente do Consello da Cultura Galega.

Posteriormente, o responsable da política lingüística da Xunta asistiu tamén no Xuventude de Galicia - Centro Galego da capital lusa ao acto de apertura da exposición fotográfica Açores, Silencio e Ser, organizada pola Asemblea Lexislativa dos Azores.

56 páxinas das nosas Letras

A mostra itinerante 56 páxinas das nosas Letras fai agora parada na Casa dos Açores no marco da cooperación institucional entre a Cámara galega e a súa homóloga azoriana, recoñecida e premiada pola Conferencia de Asembleas Rexionais Lexislativas Europeas, que ten como obxectivo estreitar os lazos de unión das dúas rexións europeas que comparten unha xénese lingüística común, atlantismo e autonomía propia. Á súa vez, a colaboración enmárcase nas accións coas que o Parlamento desenvolve as directrices da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, máis coñecida como Lei Paz-Andrade, aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos a raíz dunha proposición de iniciativa lexislativa popular avalada por 17 000 sinaturas. O seu obxectivo é aproveitar a vantaxe lingüística do galego na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa.

Comparte