Nova: Adxudicado o edificio Fontán, da Cidade da Cultura, por 14,7 millóns de euros

20/10/2018

Adxudicado o edificio Fontán, da Cidade da Cultura, por 14,7 millóns de euros

A Xunta adxudica o edificio Fontán da Cidade da Cultura por 2,2 millóns menos do custo previsto

O proxecto foi adxudicado por 14,7 millóns á UTE formada polas construtoras Acciona e San José nun concurso público no que se presentaron seis ofertas

As adxudicatarias garanten que estará rematado no último trimestre de 2020, seis meses antes do prazo fixado na licitación

A súa construción na Cidade da Cultura permitirá que o custo do Fontán sexa 13 millóns máis barato que se se fixese noutra localización

  • Edificio Fontán 01 Edificio Fontán 02
  • Edificio Fontán 01 Edificio Fontán 02

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2018.- A Xunta vén de adxudicar a construción do Edificio Fontán á UTE formada por Acciona e San José por 14.784.924 euros, cantidade que supón unha rebaixa de 2,2 millóns respecto ao importe de licitación -17 millóns-. As empresas adxudicatarias garanten ademais que estará rematado nun prazo seis meses inferior ao previsto: 24 meses fronte a 30; este rebaixa do tempo permitirá que estea finalizado no último trimestre de 2020 e operativo no 2021, ano do Xacobeo.

A adxudicación do Edificio Fontán, que acollerá servizos transversais para as tres universidades galegas e un centro de estudo do patrimonio e do Camiño de Santiago, levouse a cabo a través dun concurso público no que se presentaron un total seis ofertas, sendo a seleccionado a da UTE formada por Acciona e San Jose por ser a que obtivo a maior puntuación no criterios fixados na licitación.

Fronte aos 14,78 millóns que custará edifica o Fontán no Gaiás, estímase que a súa construción noutro emprazamento ascendería a 30 millóns de euros. As razóns obedecen a que, ademais de evitar a adquisición dun solar con capacidade e equipamento para unha infraestrutura destas características, o edificio aproveitará a estrutura xa construída para o Teatro da Ópera, un do edificios incluídos no proxecto inicial do Gaiás e non levados a cabo. Por outra banda, aproveitaranse as infraestruturas enerxéticas, de gas, climatización, fibra, seguridade e aparcadoiros xa existentes no Gaiás, ademais de beneficiarse da conexión directa coa AP-9 que estará rematada en 2019.

Este proxecto acollerá tres centros destinados á integración do Sistema Universitario de Galicia. Por unha banda, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario, cuxo obxectivo será garantir que a docencia, a investigación, a xestión e a transferencia do coñecemento se encamiñen cara á excelencia. En segundo lugar, o novo Consorcio Interuniversitario de Galicia, que será o centro neurálxico da xestión conxunta das tres universidades, centralizando os servizos bibliográficos, a organización das probas de acceso á educación superior, e o desenvolvemento de programas informáticos que melloren a organización. En terceiro lugar, o futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais, que dotará Galicia do primeiro centro de investigación de España consagrado ao estudo da paisaxe, dos itinerarios culturais e do patrimonio cultural e que funcionará como observatorio permanente do Camiño de Santiago.

No eido da sustentabilidade, cómpre subliñar que a obra compartirá os gastos enerxéticos co resto dos edificios e maximizará o uso de luz natural. Contará co auditorio con máis prazas de toda a Cidade da Cultura, con capacidade para 750 persoas e divisible en tres salóns de actos; ademais de dispoñer, na azotea do último piso, dun xardín cuberto con fachadas abertas, que tamén poderá ser empregado como espazo museístico. Tamén é flexible, porque está concibido para que os seus espazos poidan reorganizarse en función das necesidades que vaian xurdindo no futuro.

Comparte