Nova: Cultura investirá máis de 80.000 euros na restauración do retablo maior da igrexa do convento da Mercé, en Verín

02/11/2018

Cultura investirá máis de 80.000 euros na restauración do retablo maior da igrexa do convento da Mercé, en Verín

A Consellería acaba de publicar a licitación da actuación, que terá un prazo de execución de sete meses

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2018.- A Consellería de Cultura e Turismo acaba de publicar a licitación da obra de restauración do retablo maior da igrexa do convento da Mercé, en Verín, por un importe de 81.298,81 euros. Tal e como comprometera o conselleiro o ano pasado, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural levará a cabo esta intervención co fin de garantir a protección e conservación deste ben, que constitúe un conxunto de referencia do patrimonio histórico-eclesiástico de Verín.

Despois dunha análise pormenorizada, os técnicos de Patrimonio concluíron que o conxunto da igrexa e convento da Orde da Mercé presenta un estado de conservación preocupante en certas zonas, principalmente polo repinte xeneralizado da obra que oculta o ataque de xilófagos. Ademais, a incorporación de madeiras novas posiblemente estean enmascarando outros danos estruturais. A traseira do retablo amosa un traballo no que se tenta dar unha apareza estética acorde co resto do repinte, simulando a veta da madeira. Pola súa banda, a policromía orixinal que está baixo a capa do repinte presenta sucidade superficial, aínda que a pesar disto ten un bo estado de conservación.

Tendo en conta esta situación, os traballos que se van acometer teñen por obxectivo realizar estudos históricos e artísticos; estudos lumínicos e/ou radiográficos, así como análises de policromías; elaboración de mapas do estado de conservación; limpeza da superficie; desinsectación curativo-preventiva; consolidación do soporte; fixación de estratos polícromos; eliminación de repinte e limpeza da policromía; axustes volumétricos; reintegración cromática e aplicación de protección final. A actuación terá un prazo de execución de sete meses e todos os detalles da licitación poden consultarse na Plataforma de Contratos de Galicia.

Para poder desenvolver estes traballos, o pasado outubro a Consellería asinou un convenio coa Comunidade Mercedaria de Verín para a posta a disposición dos inmobles necesarios para a restauración do retablo maior da igrexa do convento dos Padres Mercedarios.
 

Significativo patrimonio escultural

O convento de Nosa Señora da Mercé de Verín foi construído a raíz do traslado do edificio que os mercedarios tiñan na vila de Monterrei baixo a advocación de Santa María Magdalena. Fora fundado por don Sancho de Ulloa, primeiro conde de Monterrei, aínda que a construción de hoxe é do século XVIII. A torre barroca da igrexa e a fachada, con trazas neoclásicas, caracterízase pola sinxeleza das súas liñas.

O interior do templo, de nave única, conta cun significativo patrimonio escultural. Destacan o coro e cinco retablos, catro deles laterais e o quinto situado no presbiterio e trazado no segundo terzo do século XVIII por Frei Pedro Pascual García, mercedario residente en Verín. O retablo maior amosa o momento máis boiante, polo menos desde un punto de vista cultural, polo que pasou o convento a mediados do século XVIII. A riqueza decorativa e a suntuosidade de tanto estípite e voluta harmonizaba coa sofisticación do culto.

 

Comparte