Nova: O mosteiro de Montederramo recibirá preto de 400.000 euros para a súa rehabilitación

03/11/2018

O mosteiro de Montederramo recibirá preto de 400.000 euros para a súa rehabilitación

A Consellería acaba de publicar a licitación da obra, a través da que se busca mellorar a accesibilidade ao conxunto, incorporando novos espazos á visita que posibiliten un percorrido adecuado desde o punto de vista cultural e turístico

Esta actuación deriva do plan director do ben, presentado polo conselleiro o ano pasado, que ten por obxectivo coñecer o seu estado de conservación e definir as liñas de actuación de cara ao futuro para garantir a súa conservación
 

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2018.- A Consellería de Cultura e Turismo acaba de publicar a licitación da obra de rehabilitación do mosteiro de Santa María de Montederramo por un importe de 387.514,21 euros. O obxectivo da actuación, que terá un prazo de execución de seis meses, pasa por mellorar a accesibilidade ao conxunto, incorporando novos espazos á visita que posibiliten un percorrido adecuado desde o punto de vista cultural e turístico.

Estes traballos derivan do plan director do ben, presentado polo conselleiro Román Rodríguez o ano pasado. Un documento que ten como fin coñecer o estado de conservación do mosteiro e definir as liñas de actuación de cara ao futuro, para garantir así a súa protección e conservación. Ademais, cómpre destacar que en marzo deste ano, a Consellería asinou un convenio co Concello de Montederramo para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución destas obras de acondicionamento de espazos para incorporar á visita cultural do ben.

Cómpre lembrar que o mosteiro de Montederramo é BIC desde o ano 1951 e constitúe un dos monumentos máis senlleiros de Galicia. Está composto por unha igrexa, dous claustros situados ao sur dela e as súas dependencias monacais.
 

Accións na sancristía, nos claustros e na sala capitular

As actuacións previstas no mosteiro inclúen o acondicionamento da sancristía co renovado de instalacións, eliminación de humidades do terreo, restauración das carpinterías e mellora da ventilación, así como a restauración das plantas baixa e alta do claustro regular. Nesta última incorporarase unha plataforma elevadora para garantir a accesibilidade ao coro.

Así mesmo, realizaranse melloras no espazo da escaleira regular, como limpeza de paramentos e bóveda, renovación de rexuntados, así como das carpinterías, e nova instalación eléctrica e de iluminación.

No patio do claustro realizarase unha intervención no cumio da cuberta do patio para reducir o asolamento e mellorar a ventilación dese espazo no verán, evitando así o efecto invernadoiro. Tamén se colocarán toldos e lonas móbiles para tratar convenientemente a radiación e a acústica do recinto. Ademais, limparanse e repasaranse as fachadas e pavimento e renovaranse as instalacións e iluminación.

Pola súa banda, na sala capitular realizaranse labores de limpeza e repaso dos paramentos e bóvedas, renovaranse as instalacións e restauraranse as carpinterías. Finalmente colocarase un ascensor no vestíbulo que conecta os claustros e reordenaranse os aseos que existen nesa zona.

Con todas estas accións, a Consellería busca resolver as patoloxías dos espazos incorporados ao novo uso turístico-cultural; conseguir un percorrido de visita cultural adecuado e accesible, musealizando os espazos principais do mosteiro; liberar os elementos descontextualizados propios do antigo uso como colexio; mellorar as instalacións de iluminación e calefacción, e facer accesibles os espazos singulares que se incorporan á visita cultural.

Os detalles da licitación poden consultarse na Plataforma de Contratos de Galicia.

Comparte