Nova: Os traballos de acondicionamento no Castro de Viladonga permiten a localización dunha nova escaleira

18/11/2018

Os traballos de acondicionamento no Castro de Viladonga permiten a localización dunha nova escaleira

Produciuse no marco da campaña arqueolóxica na que a Administración autonómica está a investir preto de 200.000 euros

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2018.- A Consellería de Cultura e Turismo está a realizar unha campaña arqueolóxica financiada con fondos FEDER no Castro de Viladonga en Castro de Rei, grazas á cal vén de localizarse unha nova escaleira de acceso á muralla.

Os chanzos están axuntados ao paramento da segunda muralla que forma parte do complexo sistema defensivo deste xacemento castrexo. Este novo elemento, que enriquece a visión de Viladonga como un poboado complexo e sofisticado, apareceu durante os traballos de limpeza e re-escavación das antigas sondaxes e cortes feitos anos atrás en murallas e parapetos. O equipo de arqueólogos encargado da campaña apunta que a finalidade destas escaleiras era comunicar o corpo de garda da gran entrada aberta no leste do asentamento castrexo co paseo de rolda que percorría todo o alto da cerca.

A escaleira conserva sete chanzos en moi bo estado e resulta semellante a outras localizadas neste e outros asentamentos, malia que é a primeira que está relacionada cunha porta ou sistema de acceso.

Esta campaña centrou a súa actividade na roza e limpeza da vexetación que cubría parte do sistema defensivo e dos recintos secundarios do xacemento arqueolóxico, así como na re-escavación dos antigos cortes abertos no sistema defensivo do castro, nas inmediacións da potente entrada leste, xa fóra da croa do Castro. Pero a súa actuación fundamental consiste na re-escavación, consolidación e acondicionamento do espazo situado no ángulo nordés do interior da croa do Castro, nunha superficie de aproximadamente 900 m2.

En canto á roza da zona exterior da croa do castro, o traballo feito permite apreciar agora unha estrutura colosal ao final da antemuralla, formando parapetos e foxos. No referente á re-escavación dos antigos cortes abertos no sistema defensivo do castro o máis salientable ata o de agora é, xunto á localización das referidas escaleiras, a exhumación dun gran torreón macizo de planta redondeada, de máis de cinco metros de diámetro, que orixinalmente formaba parte das estruturas que reforzaban o sistema de acceso ao poboado. Dito torreón foi localizado nunha intervención realizada no ano 1988 pero grazas ás actuacións que se están a levar a cabo na actualidade é posible velo en todo o seu esplendor e vai ser consolidado e acondicionado para converterse nun elemento máis dentro do circuíto de visita do Castro de Viladonga. Tamén hai que destacar a recuperación e acondicionamento dunha pequena parte dun dos fosos, que estaba semicolmatado e que agora se poderá visitar.

Por último, a actuación no interior da croa do Castro está tamén comezada e está dando os seus primeiros resultados coa definición das estruturas de vivenda alí situadas e localización dun novo tramo do lenzo interior da muralla.

A Administración autonómica inviste 194.710,78 euros nesta campaña que vai continuar ata finais do mes de decembro deste ano polo que, segundo avancen os traballos, é posible que o Castro siga proporcionando máis estruturas e elementos arqueolóxicos.

Comparte