Nova: Licitadas as obras de restauración do mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón por máis de 523.000 euros

21/11/2018

Licitadas as obras de restauración do mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón por máis de 523.000 euros

Executaranse unha serie de actuacións centradas na rehabilitación da antiga hospedaría, casa do capelán, torre barroca e da planta baixa do ala leste do edificio

  • Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón | Imaxe: Turismo.gal Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón | Imaxe: Turismo.gal

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2018.- A Consellería de Cultura e Turismo acaba de publicar a licitación das obras de restauración da planta baixa da casa do capelán do mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, en Lugo, por un importe de 523.511,00 euros e un prazo de execución de seis meses, tal e como publica hoxe a Plataforma de Contratos de Galicia.

O obxectivo desta proposta de intervención consiste na execución dunha serie de actuacións que se centran na restauración, posta en valor, conservación, mantemento e rehabilitación da antiga hospedaría, casa do capelán, torre barroca e da planta baixa do ala leste do mosteiro que na actualidade se atopan sen uso. A finalidade é dedicar estes espazos a hospedaría e poder destinalos a tarefas divulgativas no ámbito da Ribeira Sacra.

Deste xeito, rehabilitarase o espazo en desuso da antiga hospedaría e casa do capelán do mosteiro cunha nova hospedaría e acondicionarase a planta baixa da fachada principal como espazo de recepción e divulgación da contorna. Ademais, porase en valor a súa torre barroca, incorporándoa á visita cultural, e mellorarase a accesibilidade e seguridade dos espazos rehabilitados, entre outras medidas.

Así mesmo, realizaranse diversas actuacións como a mellora das condicións de humidade, instalaranse novos aseos exteriores para facilitar o uso cultural do mosteiro, dotarase á planta baixa e á nova hospedaría de instalacións de electricidade, iluminación, fontanería, calefacción, ventilación e protección contra incendios; e realizaranse traballos de conservación de reixa metálica de forxa. Ademais, incorporarase unha nova escaleira, instalarase un novo ascensor para mellorar as condicións de accesibilidade da hospedaría, e realizaranse traballos de cantería especializada así como de reintegración en pedra.

Para poder desenvolver os traballos necesarios, o pasado mes de outubro, a Consellería de Cultura e Turismo asinou un convenio coa comunidade cisterciense do Divino Salvador de Ferreira de Pantón para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución destas obras.

Comparte