Nova: A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autoriza as obras das beirarrúas na rúa Dona Fermina no barrio vigués de Teis

29/11/2018

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autoriza as obras das beirarrúas na rúa Dona Fermina no barrio vigués de Teis

Condiciona a intervención municipal, dentro do ámbito de protección do xacemento do Castro da Guía, á realización dun proxecto de control arqueolóxico

  • Vista da rúa en Google Maps

Vigo, 29 de novembro de 2018.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura e Turismo, acaba de autorizar ao Concello de Vigo as obras das beirarrúas na rúa Dona Fermina no barrio de Teis.

Trátase dunha actuación dentro do ámbito de protección do xacemento do Castro da Guía, ben catalogado no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta e no catálogo de bens culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, por tanto precisa da previa autorización da Consellería de Cultura.

Gran parte da zona de intervención comprende desde o inicio do ámbito de protección do xacemento e o cruce coa rúa da Urbanización Mirasol, polo tanto os diferentes movementos de terras que se executen neste tramo poden afectar a un subsolo con potencialidade arqueolóxica.

Tras o estudo do expediente, os servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra acordaron informar favorablemente as obras, aínda que as condicionan á realización dun proxecto de sondaxes valorativas. Unha intervención arqueolóxica cuxos resultados deberán ser presentados para a súa autorización pola Dirección Xeral xa que á vista dos mesmos poderán modificarse as condicións da autorización das obras.

Comparte