Nova: O conselleiro de Cultura e Turismo e o gobernador de Wakayama afondan nos vínculos entre Galicia e Xapón

04/12/2018

O conselleiro de Cultura e Turismo e o gobernador de Wakayama afondan nos vínculos entre Galicia e Xapón

Ambos mandatarios reuníronse hoxe e destacaron o forte impacto do Camiño de Santiago e do Camiño Kumano no turismo

Ata outubro deste ano, Galicia recibiu a visita de 11.000 viaxeiros do país nipón

Nos últimos dez anos, o número de peregrinos xaponeses en Galicia multiplicouse por cinco acadando a cifra de 1500 no que vai de 2018

Wakayama (Xapón), 3 de decembro de 2018.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro co Gobernador de Wakayama, Yoshinobu Nisaka, no marco da viaxe institucional a dita Prefectura co galo dos 20 anos de irmandamento entre Galicia e Xapón.

Durante a reunión, conselleiro e gobernador afondaron nos vínculos que unen aos dous territorios xa que, se ben son culturas moi distintas, están unidas polo Camiño de Santiago en Galicia e o Camiño Kumano Kodo en Wakayama. Ambas son rutas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade e son puntos de referencia nos que converxe a pluralidade de concepción de distintas culturas, linguas e relixións.

Así mesmo, lembraron o forte impacto dos lazos destes camiños no turismo e polo tanto, na dinamización económica destas rexións. De feito, o número de peregrinos xaponeses en Galicia medra cada ano. Nos últimos dez anos cabe salientar este importante incremento, posto que se pasou dos 300 en 2008 aos preto de 1500 no que vai de 2018, o que supón que a cifra se multiplicase por cinco.

No ámbito turístico e ata outubro, Galicia recibiu máis de 11.000 viaxeiros xaponeses, que realizaron máis de 19.500 pernoitas nos establecementos hoteleiros galegos. En 2012, as pernoitas tan só alcanzaban as 14.000, polo que nos últimos anos se incrementaron case nun 40%. Outro dato positivo do mercado xaponés é a estadía media nos establecementos hoteleiros, que se incrementou notablemente (un 20,6% máis) en relación ao 2017.
 

Visita a templos do Kumano Kodo

Esta mesma mañá, antes do encontro co gobernador, o conselleiro visitou o Kumano Nachi Taisha Gran Shrine, un dos tres grandes santuarios no Camiño do Kumano Kodo e exemplo da convivencia das relixións sintoísta e budista. Posteriormente, desprazouse ao templo Seiganto-ji situado a carón da cascada Nachi, a máis alta do Xapón.

Comparte