Nova: Arranca a sétima edición de Nadal en Rede con 75 actividades de ocio en galego

13/12/2018

Arranca a sétima edición de Nadal en Rede con 75 actividades de ocio en galego

Desde mañá ata o 4 de xaneiro Lucía Pérez, Emilio Rúa e Rosa Cedrón, María do Ceo, A Banda da Loba, Carmen Penim, Senén Vaamonde e a Roda, Brazolinda, Baobab Teatro, Pablo Díaz e mais Os Bolechas, entre outros, daranse cita con nenos, mozos e adultos para festexar o Nadal en galego

O secretario xeral de Política Lingüística presentou o programa hoxe, acompañado polos artistas e as empresas xestoras

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2018.- O programa de dinamización lingüística Nadal en Rede volve con máis actividades ca nunca para pechar 2018 e gozar das festas máis luminosas do ano con ocio en galego. 75 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) recibirán a partir de mañá, 14 de decembro, e ata o 4 de xaneiro un amplo abano de actividades -obradoiros, concertos, teatro-dirixidos a diferentes públicos: nenos, mozos e adultos que en moitos casos poderán gozar xuntos das diferentes propostas. As actividades complétanse con recursos para celebrar o Nadal en galego, como un modelo de carta ás Súas Maxestades de Oriente e un libro de discursos para que os Reis Magos se dirixan aos nenos e nenas na lingua propia de Galicia durante as cabalgatas.

“Lucía Pérez, Emilio Rúa e Rosa Cedrón, María do Ceo, A Banda da Loba, Carmen Penim, Senén Vaamonde e a Roda, Brazolinda, Baobab Teatro, Pablo Díaz e mais Os Bolechas, entre outros, serán os encargados de darse cita con nenos, mozos e adultos para festexar o Nadal en galego”, así o anunciou hoxe pola mañá en rolda de prensa -acompañado dos artistas e das empresas xestoras- o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou que se trata dun “programa destinado ao lecer destas festas no que queremos, coma sempre, ir da man de artistas e profesionais de recoñecido prestixio que teñen na lingua propia de Galicia a base da súa creatividade”.

Teatro e obradoiros

O teatro para bebés e para nenos/as e os obradoiros en familia para xogar e para transmitir a lingua serán os protagonistas da sétima edición do programa de Nadal da RDL. Os Bolechas celebrarán desta volta o Nadal no Polo Norte, cunha nova proposta na que tamén colabora Gadis e que chegará a nove concellos do 22 de decembro ao 7 de xaneiro (O Porriño, Viveiro, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo, Ourense, Muros, Ponteareas e Rianxo). Baobab Teatro levará Puño Puñete, para público familiar con cativada de 1 a 7 anos a outros dez concellos (Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Narón, Ribadumia, Bueu, Melide, A Laracha, Vedra, O Grove e Redondela).

Brazolinda levará o seus Obradoiros de xogos de mesa en galego a Ordes, Santiago, Ribeira, Cee, Salceda de Caselas, A Estrada, Marín, Pontedeume, Soutomaior, Oroso, Caldas de Reis e Arteixo; Os avós e as avoas como transmisores de lingua e cultura chegarán, da man da psicóloga Cándida Rodríguez ao Bolo, Manzaneda, Ribas de Sil, O Courel, Bóveda, Vila de Cruces, Dumbría, Pontedeva, Cerdedo-Cotobade, Corcubión e Ponteceso. E o obradoiro Mulleres que contan, poñerá en valor a palabra das mulleres escritoras para pechar o ano de María Victoria Moreno en Laxe, Muxía, Tordoia, Boimorto, Ponte Caldelas, O Pereiro de Aguiar, Avión, Ortigueira, Fisterra e A Pontenova.

Música para todos os públicos

As propostas musicais de Nadal en Rede abranguen este ano opcións diversas e moi atractivas: Lucía Pérez, a nosa cantante máis eurovisiva, terá Algo que contarche en Padrón, na Cañiza e en Castro Caldelas; A Banda da Loba, cos concertos Bailando as rúas no Porriño, Ourense e Fene; Pablo Díaz co seu novo traballo Coas miñas mans en Ponteceso (Fundación Eduardo Pondal); María do Ceo coas Cancións para nenos e nenas en Campo Lameiro, Maside e Frades; Emilio Rúa e Rosa Cedrón con Cantos de Nadal en Vila de Cruces, Neda, Zas, Bergondo, Cuntis, Malpica de Bergantiños e Sanxenxo; 2naFronteira en Ribadeo; a soprano Victoria Álvarez Acón e o pianista Vicente Castro Alonso levarán os Cantos de amor de Xosé Neira Vilas a Mondariz-Balneario; e Senén Vaamonde e mais Alfredo e Manuel (músicos da formación A Roda), levarán o seu concerto didáctico Dúas picariñas ourensás a Viana do Bolo, Curtis, As Neves, Guntín, Cabanas, Carnota, Dodro, Pontecesures, Toén e Taboada.

Toda a información sobre o programa e calendario de actividades no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte