Nova: Inclúese a fábrica de electricidade da Ponte Nova en Betanzos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

20/12/2018

Inclúese a fábrica de electricidade da Ponte Nova en Betanzos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

O conxunto está composto por catro edificacións independentes e estará baixo un réxime de protección específico que preservará todos os elementos estruturais, a cubrición ou os cerramentos verticais entre outros

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018.- A Xunta de Galicia vén de incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a fábrica de electricidade da Ponte Nova en Betanzos (A Coruña), tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Na actualidade, este ben está composto por catro edificacións independentes asentadas sobre a mesma propiedade: a fábrica de electricidade na parte norte da parcela, o serradoiro no suroeste e un pequeno edificio e un depósito situados entre os anteriores. Asemade, existen outras construcións e instalacións auxiliares.

Tras a inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural, o conxunto estará baixo un réxime de protección específico que preservará todos os elementos estruturais, a cubrición, os cerramentos verticais, os ocos e acabados exteriores e os elementos singulares como as lámpadas de iluminación. Así mesmo, este réxime específico establecerá como intervencións prioritarias a consolidación da estrutura da cuberta e dos cerramentos do edificio principal da fábrica de electricidade. Por outra banda, redactarase un proxecto integral de conservación que aconselle limitar as posibles ampliacións en planta da fábrica e que recolla medidas xerais para a mellora ambiental e estética do contorno entre outras actuacións.

Comparte