Nova: Presentadas as novas edicións do Premio de Ensaio Subversivo ‘Guillermo Domínguez’ e de Banda Deseñada AXI
10/10/2014
Presentadas as novas edicións do Premio de Ensaio Subversivo ‘Guillermo Domínguez’ e de Banda Deseñada AXI
Os premios son froito dun convenio de colaboración entre a Consellería e a Asociación Cultural Colectivo Xelmírez
Santiago, 10 de outubro de 2014.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer esta mañá no compostelán instituto de educación secundaria Arcebispo Xelmírez I as bases das terceiras edicións de dous premios: o Premio de Ensaio Subversivo “Guillermo Domínguez” e o Certame de Banda Deseñada “AXI”. Ademais, presentou as dúas publicacións que recollen os traballos galardoados nas dúas primeiras edicións de cada un deles.
Valentín García explicoulles aos asistentes que para a Secretaría Xeral de Política Lingüística é un pracer colaborar con iniciativas cidadás coma estas que promovan “a creatividade e a reflexión crítica en lingua galega”. “Deste xeito”, engadiu, “forxamos persoas que dominan e aprecian o seu idioma e que son conscientes da súa utilidade como ferramenta de construción de futuro”.
No acto de presentación participaron tamén Manuel Portas, director do IES Arcebispo Xelmírez I e presidente da Asociación Cultural Colectivo Xelmírez; María Dolores Sans, docente responsable da biblioteca do instituto e coordinadora do premio de banda deseñada, e Berta Mata, directora do Seminario de Filosofía e coordinadora do premio de ensaio.
Colaboración para a normalización lingüística
Os dous libros que se presentaron esta mañá –“Obras premiadas no Certame de Banda Deseñada Axi” e “Premios de Ensaio Subversivo Guillermo Domínguez”- recollen os traballos galardoados nas pasadas edicións dos certames indicados nos títulos das publicacións, que se convocan anualmente dende o 2012 mercé á colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Cultural Colectivo Xelmírez. A dita asociación, que naceu no ano 1988 ao abeiro do instituto Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela e está integrada por profesorado e alumnado do dito centro, ten subscrito un convenio de colaboración coa Consellería para actuacións en materia de normalización lingüística que inclúe a convocatoria dos premios e a publicación dos traballos galardoados.
O Premio de Ensaio Subversivo “Guillermo Domínguez” e o Certame de Banda Deseñada “AXI” están dirixidos a alumnado de ESO e de bacharelato de toda Galicia. As súas bases poden consultarse no web do Instituto Xelmírez I e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.