Nova: Sete produtoras galegas participan no mercado televisivo Mipcom de Cannes
14/10/2014
Sete produtoras galegas participan no mercado televisivo Mipcom de Cannes
Destino Bergen, Ficción Producciones, Filmanova, Portocabo, Tree Line, Voz Audiovisual e Zenit TV están presentes nesta importante cita internacional para a compavenda de contidos para televisión
Estas empresas viaxan na procura de compradores e socios internacionais para filmes como ‘Meñique’ e ‘Shimbare’, documentais como ‘Los Austrias’ ou series como ‘Cartas a palacio’
Santiago, 14 de outubro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a presenza das produtoras galegas Destino Bergen, Ficción Producciones, Filmanova, Portocabo, Tree Line Distribution, Voz Audiovisual e Zenit TV nunha nova edición do MIPCOM de Cannes, que se desenvolve ata o 16 de outubro nesta cidade francesa. Este apoio encádrase no programa de proxección exterior do sector audiovisual que Cultura e Educación leva a cabo en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e que, neste caso, apoia a procura de compradores e socios internacionais para produtos audiovisuais galegos no que é o maior mercado mundial de contidos de entretemento.
En concreto, a participación en MIPCOM é especialmente relevante no relativo á produción e comercialización de todo tipo de formatos, programas e servizos para televisión. Con ese obxectivo desprazáronse ata Cannes as devanditas compañías cos seus últimos produtos e proxectos audiovisuais.
Así, Ficción Producciones está a promocionar e comercializar a coprodución de animación hispano-cubana ‘Meñique’, ademais de abordar a distribución de ‘Schimbare’, primeira longametraxe do realizador Álex Sampayo, con Luis Zahera e Candela Peña nos papeis protagonistas.
Coproducións con Latinoamérica
Pola súa banda, Mad Mex Filmanova –filial do Grupo Filmanova para a súa internacionalización en Latinoamérica– atópase en MIPCOM xunto coa produtora mexicana Argos para presentar o seu acordo de colaboración para o desenvolvemento, comercialización e coprodución de ambiciosos proxectos de ficción televisiva, como ‘Cortar el puente’, ‘Las campanas de Querétaro’ e ‘Lázaro’.
O documental ‘Los austrias’, de Zenit TV, e a adaptación televisiva da novela de Jorge Díaz ‘Cartas a palacio’ por parte de Portocabo (xunto ao Grupo Boomerang) son outros dos proxectos galegos que se están a promover neste importante mercado, que congrega máis de 13.000 profesionais, do cales uns 4.400 son compradores chegados de máis de 100 países.
Estas setes produtoras galegas contan cunha achega económica da Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culurais), para sufragar parte dos seus gastos de viaxe, aloxamento e inscrición no mercado.
Dentro desta mesma liña de internacionalización, o audiovisual galego estivo tamén presente nas últimas edicións do Marché du Film e MIPTV de Cannes, así como doutras destacadas citas a nivel mundial, como o European Film Market de Berlín e Ventana Sur de Bos Aires.