Nova: Galicia recibe aos membros do Consejo de Patrimonio Histórico que se reúnen ata o venres no Mosteiro de Santo Estevo

03/04/2019

Galicia recibe aos membros do Consejo de Patrimonio Histórico que se reúnen ata o venres no Mosteiro de Santo Estevo

Os participantes visitaron hoxe a Catedral de Santiago acompañados polos directores xerais de Patrimonio Cultural e de Políticas Culturais, María del Carmen Martínez Ínsua e Anxo M. Lorenzo respectivamente

Un dos asuntos que se abordarán é a proposta da candidatura da Ribeira Sacra para entrar na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2019.- Os membros do Consejo de Patrimonio Histórico que se reunirán ata o venres 5 de abril no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil iniciaron, hoxe a súa xuntanza en Galicia cunha visita á Catedral de Santiago. Os integrantes foron recibidos pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, e polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, en representación da Xunta de Galicia que exerce de anfitrioa.

Un dos asuntos que se abordarán ao longo destas xornadas é a proposta da candidatura da Ribeira Sacra para entrar na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

A apertura da xuntanza do Consejo de Patrimonio Histórico, á que asistirá o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, celebrarase mañá, xoves, e estará presidida polo director general de Bellas Artes del Ministerio de Cultura y Deporte, Román Fernández-Baca. A continuación celebrarase unha reunión privada na que participarán todos os membros do Consejo de Patrimonio Histórico e na que a representación da Xunta de Galicia exporá a candidatura da Ribeira Sacra.

Consejo de Patrimonio Histórico

Este órgano entre a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas ten como finalidade especial facilitar a comunicación e o intercambio de programas de actuación e información relativos ao Patrimonio Cultural Español e nel están representados todos os directores xerais con competencias en materia do patrimonio cultural das distintas autonomías españolas, xunto cos representantes do Ministerio de Cultura e Deporte.

Comparte