Nova: Cuarto Público transforma en espazos expositivos as habitacións dun hotel
16/10/2014
Cuarto Público transforma en espazos expositivos as habitacións dun hotel
O NH de Santiago acolle esta feira de arte contemporánea do 28 ao 30 de novembro
O programa, que foi presentado hoxe polo secretario xeral de Cultura, tamén inclúe performances, desfiles de moda e espazos para a reflexión e o diálogo
Santiago, 16 de outubro de 2014.- A feira Cuarto Público de arte contemporánea de Galicia celebrará do 28 ao 30 de novembro a súa segunda edición co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Neses días, os cuartos do hotel NH Collection de Santiago de Compostela converteranse un ano máis en espazos expositivos para a creatividade de máis de 50 artistas, a través das 14 galerías e diversas institucións que participan neste evento.
O programa desta nova edición da feira foi presentado hoxe en rolda de prensa, durante a que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o interese da iniciativa para lle achegar á cidadanía o traballo dos artistas actuais, a través de formatos novidosos e de espazos alternativos. Tamén puxo en valor a cooperación entre as diversas institucións que participan na iniciativa, como a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e a Universidade de Vigo, representadas nos stands institucionais.
Patricia Amil, Paula Cabaleiro e Xulia Santiso son as directoras da feira Cuarto Público. Xunto con elas, tamén tamén participaron na presentación a concelleira de Cultura de Santiago, María Antón, e o director do hotel NH Collection, Esteban Iglesias.
Durante tres días, a primeira planta do hotel estará dedicada a amosar obras de artistas como Yolanda Dorda, Vari Caramés, Batis Campillo, Manuel Eirís, Benito Freire, Tono Jejuto, David Barreiro, Rosendo Cid ou Suso Fandiño, a través da participación das galerías Trinta, Barcelos, Bus Station Space, Metro, Atlántica, Dispara, Dua2 e Ad Hoc, entre outras.
Os cuartos tamén acollerán os expositores do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), da Fundación Luís Seoane, do Auditorio de Galicia, da ESAD Mestre Mateo e do grupo dx5 da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, xunto cunha sección de bloggers.
Actuacións multidisciplinares e espazos para a reflexión
A feira tamén ofrecerá diversas propostas artísticas a través do Programa Vivo, con performances, desfiles de moda e proxectos multidisciplinares baseados na danza contemporánea, no ‘live cinema’ e na experimentación sonora. Os espazos para a reflexión e o diálogo tamén estará presentes, con mesas redonda nas que se abordarán temas como o coleccionismo privado e público e os novos modelos de plataformas artísticas.
A programación completa pode consultarse na páxina web www.cuartopublico.com.