Nova: Licítanse os traballos de restauración das pinturas murais de San Vicente de Pinol, en Sober, cun orzamento de 137.000 euros

29/05/2019

Licítanse os traballos de restauración das pinturas murais de San Vicente de Pinol, en Sober, cun orzamento de 137.000 euros

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se acomete a segunda fase da intervención logo de investir o pasado ano 154.000 euros na cuberta e outros elementos estruturais

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 12 de xuño para presentar as súas ofertas

 

  • Fondo Logotipo Xunta de Galicia

Sober (Lugo), 29 de maio de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe na plataforma pública de Contratos de Galicia a licitación do contrato de restauración das pinturas murais da nave principal da igrexa de San Vicente de Pinol, en Sober, cun orzamento de 137.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou a importancia desta actuación que servirá para recuperar un conxunto pictórico de gran valor histórico e artístico que permanecía na súa maior parte oculto cuberto pola cal.

Os traballos realizaranse nos muros norte e sur da nave e o arco triunfal que une a ambos. Hai áreas nas que se fixeron catas polas que asoman os elementos iconográficos ademais de zonas desencaladas que tamén precisan dunha restauración. O estilo das iconografías sitúase como obra de principios do século XVI, á maneira hispano-famenca.

Neste sentido, entre os danos principais que é necesario reparar figuran o encalado de toda a superficie e os desencalados parciais que produciron perda de policromía; isto sucede sobre todo nas catro escenas localizadas baixo o coro. Aprécianse grandes oquedades entre o morteiro e o muro en todo o paramento -en especial no enlucido na zona inferior do coro- así como colonizacións biolóxicas e manchas de escorrentas.

Cabe lembrar que a Consellería de Cultura investiu o pasado ano 154.000 euros na primeira fase de obras nesta igrexa, consistente en reparar danos na cuberta, os paramentos e outros elementos estruturais, actuación imprescindible para poder acometer agora a recuperación das pinturas. Corrixiuse a entrada de humidades -pola cuberta, paramentos e o chan-, mellorouse a instalación eléctrica, e restauráronse a portada, o rosetón, a escaleira de acceso á espadana, e as carpinterías e ferraxería.

O contrato que agora se licita inclúe a redacción do proxecto de intervención para restaurar as pinturas, así como a execución material dos traballos e a realización de informes de seguimento e de resultado da actuación. O prazo de execución será de nove meses dende a sinatura do contrato, e as empresas interesadas en concorrer á licitación teñen de prazo ata o día 12 de xuño para presentar as súas ofertas.

 

A igrexa parroquial de San Vicente de Pinol está protexida polo seu valor cultural ao estar incluída no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. É de estilo románico de comezos do século XIII, estruturada mediante unha planta de cruz latina e ábsida rectangular cuberta por unha bóveda de canón, e cunha cuberta de madeira a dúas augas sobre a nave. Hai dous engadidos posteriores á estrutura inicial da igrexa: a sancristía situada no lateral norte da ábsida e outro habitáculo no sur da ábsida.

 

Comparte