Nova: O mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón acomoterá unha importante rehabilitación

14/06/2019

O mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón acomoterá unha importante rehabilitación

A Xunta iniciou as obras para acondicionar unha hospedaría no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, nas que inviste 512.000 euros

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos teñen un prazo máximo de execución de seis meses

Vanse rehabilitar dependencias da antiga zona de aloxamento, a casa do capelán, a torre barroca e parte da planta baixa

Pantón (Lugo), 14 de xuño de 2019.- A Xunta de Galicia deu inicio estes días ás obras de reforma no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, nas que inviste máis de 512.000 euros e que están destinadas principalmente a acondicionar unha nova zona de hospedaría así como un espazo multifuncional que poderá acoller información divulgativa do mosteiro e da Ribeira Sacra en xeral.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou as obras xunto co alcalde do municipio, José Luís Álvarez, e explicou que o prazo máximo de execución será de seis meses, polo que a previsión é que estean rematadas a finais de ano.

O proxecto de intervención contempla a rehabilitación de dependencias que actualmente estaban sen uso, como a antiga hospedaría, a casa do capelán ou a torre barroca. Na planta baixa do ala leste vanse habilitar, entre outros servizos, a recepción da hospedaría, o mencionado espazo informativo sobre o monumento e a súa contorna, e o acceso tanto á torre barroca como á hospedaría, que contará como elementos mais significativos e relevantes cunha nova escaleira e un ascensor.

As obras na planta primeira comprenden a execución das estancias da nova hospedaría, entre eles sala de almorzos, catro cuartos dobres, dúas habitacións individuais, dúas salas comunitarias e outros espazos.

A intervención vai facilitar tamén o uso cultural do mosteiro, dotarase de aseos exteriores e ampliarase o percorrido das visitas con acceso a novos contidos e instalacións.

O Mosteiro cisterciense de Santa María de Ferreira de Pantón conta dende o ano 1975 coa declaración de ben de interese cultural coa categoría de Monumento. A Xunta de Galicia ven acometendo distintas fases de restauración nos últimos anos, como a que actuou nos morteiros do claustro no ano 2014, ou na cuberta no 2011.

Comparte