Nova: Félix Fernández gaña o certame para intervir nas Torres Hejduk

20/10/2014

Félix Fernández gaña o certame para intervir nas Torres Hejduk

Foi o vencedor dunha convocatoria na que se e retaba aos participantes do IV Encontro de Artistas Novos a presentar unha proposta artística para estas torres

O proxecto convida a reflexionar sobre o indesexado e a necesidade de facer visibles puntos escuros da sociedade co fin de atopar solucións

Con esta intervención, que se inaugurará a mediados de novembro, as Torres Hejduk continúan a funcionar como un espazo expositivo non convencional aberto a proxectos de artistas emerxentes

  • Torres Hejduk Torres Hejduk

Santiago, 20 de outubro de 2014.- O artista galego Félix Fernández (Viveiro, 1977) vén de ser elixido gañador da II Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, certame organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e aberto a todos os participantes na IV Encontro de Artistas Novos que, desde fai catro anos, ten lugar na Cidade da Cultura de Galicia todos os meses de setembro.

Con esta convocatoria, na que este ano participaron 21 artistas de Galicia e do resto de España, as Torres Hejduk seguen a funcionar como un espazo expositivo non convencional, acollendo proxectos de artistas emerxentes. As torres, deseñadas por John Hejduk como un invernadoiro vertical para o parque compostelán de Belvís e posteriormente incorporadas por Peter Eisenman ao proxecto da Cidade da Cultura, téñense convertido nunha das iconas do Gaiás pola súa forza arquitectónica e a súa visibilidade.

Félix Fernández foi elexido por un xurado integrado polo director do Encontro de Artistas Novos, Rafael Doctor Roncero, e o Departamento de Acción Cultural da Cidade da Cultura coa súa directora, María Pereira Otero, ao fronte. O xurado destacou a valentía, orixinalidade e calidade técnica da proposta, así como a súa riqueza conceptual cun discurso que se afasta do obvio.

Explorar o indesexado
A proposta gañadora, co título de Subtextos dun patrón de mantemento, que será inaugurada a mediados do mes de novembro, explora o concepto do “indesexado”, da necesidade de xerar conciencia sobre puntos escuros da sociedade, como paso previo para a procura de solucións.

O proxecto consta de tres intervencións e unha acción performántica que terá lugar unha vez ao mes. A torre de cristal envolta en fume converterase nunha tormenta interior que contrastará coa torres opaca ocupada por monitores de seguridade –nos que se combinarán imaxes en tempo real con outras en diferido- como alegoría do poder. Como complemento a esta dualidade, a figura dun home suspendido no exterior chamará a atención sobre a inactividade ante a realidade que se nos ofrece.

As intervencións complementaranse cunha actuación performántica en directo, na que o propio Félix Fernández interactuará coas Torres Hejduk presentadas como un lugar para a inactividade e a acción suspendida, con breves e puntuais momentos coreográficos.

Talento emerxente da creación contemporánea
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, o galego Félix Fernández preséntase como un dos nomes emerxentes da creación contemporánea en España, artista multidisciplinar que emprega a videocreación e a performance para presentar o seu discurso artístico. A creatividade o ten feito merecedor de numerosos galardóns, como o Premio ‘Novos Medios’ do Festival Internacional de Cine de Ourense, o premio á mellor videocreación internacional do Festival Canarias Mediafest, o Premio ‘Estampa’ de creación artística da Casa de Vélazquez (Madrid), así como galardóns no Festival Lesgaicinemad 15, no certame de artes plásticas da Deputación de Ourense, no Visualsound Barcelona o concertame para artistas novos do Auditorio de Galicia en Santiago.

O traballo de Félix Fernández será a segunda intervención que se leve a cabo nas torres procedente do Encontro de Artisas Novos. O ano pasado acolleron o proxecto colectivo En ningún lugar, obra de Juan Cañamero, Iago Eiroes, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Estreve Reig, Alejandro Ramírez e Pablo Martínez Muñiz, comisariados por Carlos Delgado Mayordomo. Ademais, as torres teñen acollido exposicións de artistas como Pamen Pereira, Ramón Conde, Alejandra Sampedro ou Ana Soler.

Comparte