Nova: Licitadas as obras de restauración da cuberta da igrexa de San Pedro de Moreiras en Toén por máis de 100.000 euros

16/07/2019

Licitadas as obras de restauración da cuberta da igrexa de San Pedro de Moreiras en Toén por máis de 100.000 euros

As actuacións buscarán resolver as patoloxías estruturais existentes no teito da nave principal do inmoble e eliminar as filtracións de auga

  • Fondo Logotipo Xunta de Galicia Fondo Logotipo Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2019.- A Xunta licita as obras de restauración da cuberta da igrexa de San Pedro de Moreiras, no concello ourensán de Toén, por máis de 100.000 euros. Como se indica na plataforma de Contratos Públicos de Galicia, os traballos contarán cun prazo de execución de tres meses a partir da sinatura do contrato e terán como principal finalidade resolver as patoloxías estruturais existentes na cuberta da nave principal da igrexa, así como eliminar as filtracións de auga rexistradas na mesma.

A igrexa de San Pedro de Moreiras é un ben catalogado que conta cun grao de protección integral. O inmoble ten unha planta de cruz latina e conserva restos románicos nos seus muros. Ademais, o cruceiro presenta un corpo elevado do século XIX rematado cunha cuberta a catro augas e unha fachada con decoración barroca rematada por dous torres desiguais de traza renacentista e porta alintelada.

Esta actuación reforza o compromiso da Xunta de Galicia coa conservación e posta en valor do patrimonio cultural da Comunidade. Así, a través das obras de restauración acometeranse, entre outros traballos, a desmontaxe da cuberta da nave principal e das canles e impermeabilizacións situadas no teito da igrexa. Tamén se procederá á desmontaxe do enlatado de madeira, pontóns, vigas e apeos metálicos e á preparación e limpeza dos parámetros verticais e horizontais, así como á súa impermeabilización.

Os traballos incluirán a substitución das seis vigas principais existentes por outras de madeira laminada e abeto, a substitución da estrutura secundaria existente por outra de madeira e a colocación dun enlatado de madeira, previo tratamento preventivo. Por último, realizaranse actuacións na cuberta como a colocación de tella cerámica ou a realización de novos encontros de chumbo.

Para a realización das obras, así como doutros inmobles eclesiásticos, a Consellería de Cultura e Turismo asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Ourense para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións.

Comparte