Nova: Avanza a restauración do claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova

21/10/2014

Avanza a restauración do claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova

A Consellería de Cultura investirá un total de 153.000 euros nestas obras

  • Mosteiro de San Salvador de Celanova Mosteiro de San Salvador de Celanova
  •  Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Celanova, José Luis Ferro Iglesias, asinaron esta tarde un convenio de colaboración para a restauración do claustro barroco do mosteiro de San Salvador Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Celanova, José Luis Ferro Iglesias, asinaron esta tarde un convenio de colaboración para a restauración do claustro barroco do mosteiro de San Salvador
  •  Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Celanova, José Luis Ferro Iglesias, asinaron esta tarde un convenio de colaboración para a restauración do claustro barroco do mosteiro de San Salvador Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Celanova, José Luis Ferro Iglesias, asinaron esta tarde un convenio de colaboración para a restauración do claustro barroco do mosteiro de San Salvador

Celanova (Ourense), 21 de outubro de 2014.- Un total de 153.000 euros investirá a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na restauración do claustro barroco do mosteiro de San Salvador de Celanova, melloras para as que o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde, José Luis Ferro Iglesias, asinaron esta tarde un convenio de colaboración.

As actuacións contempladas no proxecto, cun prazo de execución de 3 meses teñen como obxectivo evitar o progresivo deterioro que está a producirse na planta baixa e primeira do claustro barroco como consecuencia das humidades existentes polo mal estado da cuberta de tella e canles, así como do estado das gárgolas. Con este fin realizaranse as pertinentes reparacións na cuberta, renovando na súa totalidade as tellas das pandas norte e leste, limpando as das pandas oeste e sur parcialmente e repoñendo nestes lados as tellas en mal estado. Así mesmo, substituiranse os canlóns por uns novos e farase limpeza e saneado das gárgolas -os elementos máis significativos deste claustro- coa restauración das 3 que se atopan en mal estado. Tamén se reparará o pavimento e o falso teito, deteriorado polas filtracións de auga, e realizaranse actuacións puntuais ao longo do corredor.

Con esta actuación, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a Consellería vela pola conservación do patrimonio cultural máis senlleiro de Galicia, neste caso concreto facilitando a rehabilitación dun dos espazos máis interesantes deste mosteiro, o claustro das Procesións, que data do século XVI, dous séculos máis antigos ca o outro claustro do mosteiro, de estilo neoclásico.

Monumento senlleiro
O mosteiro foi fundado por San Rosendo no ano 936, aínda que a construción da súa igrexa rematou en 1653, un templo barroco obra do mestre Melchor de Velasco con planta de cruz latina, tres naves lonxitudinais e unha transversal. O centro da nave principal está ocupado polo coro baixo, de estilo barroco atribuído a Castro Canseco; mentres que o coro alto é de estilo plateresco-oxival de finais do XV, único en Galicia.

O claustro que vai ser obxecto da intervención é o claustro principal ou das procesións, tamén chamado “claustro vello”, que comezou a construírse en 1550 seguindo planos de Fr. Juan de Badajoz. Logo de distintas interrupcións no ano 1586 finalízase o lenzo sur e colócase a fonte monumental que hoxe está na praza da vila de Celanova. A obra do claustro deuse por rematada en 1594, sendo abade o P. Fr. Pedro de Castro.

Trátase dunha obra do século XVI, modificada con elementos barrocos no século XVIII. Ten planta cadrada e dous corpos de altura. O corpo baixo cóbrese con bóvedas de cruzaría. O corpo alto remátase cunha senlleira filigrana ornamental que o caracteriza e singulariza entre os os outros claustros monásticos galegos. As expresivas gárgolas e caprichosos pináculos que rematan as pilastras que compoñen as fachadas separando as fiestras son outro elemento característico deste senlleiro espazo.

Comparte