Nova: Focus Galicia conclúe cunha sesión de traballo entre programadores internacionais e a industria musical galega

22/10/2014

Focus Galicia conclúe cunha sesión de traballo entre programadores internacionais e a industria musical galega

Os axentes musicais desprazados a Galicia desde 16 países coñeceron de primeira man a nosa música e cultura a través de 12 ‘showcases’ e visitas culturais ás cidades de Santiago, A Coruña, Ourense e á comarca do Ribeiro

Radio Cos, Banda Crebinsky, Som do Galpom, Najla Shami, Luar na Lubre, Sumrrá, Rosa Cedrón, Abe Rábade, Daniel Minimalia, Caxade, Cuarteto Caramuxo e Sés protagonizaron as actuacións desta iniciativa, que contou tamén coa colaboración especial de Susana Seivane
 

  • A cantante Sés, unha das artistas galegas participantes no Focus Galicia A cantante Sés, unha das artistas galegas participantes no Focus Galicia
  • Focus Galicia Focus Galicia
  • Focus Galicia, o programa musical para o encontro entre artistas galegos e programadores de 16 países, concluíu este mediodía cunha reunión de traballo para o establecemento de contactos profesionais e a posta en común das experiencias vividas Focus Galicia, o programa musical para o encontro entre artistas galegos e programadores de 16 países, concluíu este mediodía cunha reunión de traballo para o establecemento de contactos profesionais e a posta en común das experiencias vividas
  •  Focus Galicia, o programa musical para o encontro entre artistas galegos e programadores de 16 países, concluíu este mediodía cunha reunión de traballo para o establecemento de contactos profesionais e a posta en común das experiencias vividas Focus Galicia, o programa musical para o encontro entre artistas galegos e programadores de 16 países, concluíu este mediodía cunha reunión de traballo para o establecemento de contactos profesionais e a posta en común das experiencias vividas

Santiago, 22 de outubro de 2014.- Focus Galicia, o programa musical organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o encontro entre artistas galegos e programadores de 16 países, concluíu este mediodía cunha reunión de traballo para o establecemento de contactos profesionais e a posta en común das experiencias vividas por esta delegación internacional durante estes catro días de intensa actividade en Galicia.

Coincidindo coa primeira xornada de portas abertas de Womex (World Music Expo), a Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta última actividade de Focus, consistente nun encontro a modo de ‘speed meeting’ entre artistas, responsables de diferentes empresas musicais galegas e os 27 xestores que participaron neste programa en representación de destacados festivais, circuítos e espazos culturais de 16 países dos catro continentes.

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e, en colaboración con diferentes entidades públicas e privadas, desenvolveu esta iniciativa desde o pasado domingo en Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense. Para configurar a delegación internacional realizouse unha selección entre os principais profesinais acreditados este ano en Womex, co obxectivo de aproveitar a súa viaxe a Galicia para achegarlles a nosa riqueza e diversidade musical e cultural.

Intenso programa
Con tal fin, organizouse un completo calendario de actividades, que incluíu percorridos culturais polas cidades de Santiago, A Coruña e Ourense, unha visita ás adegas Viña Mein e Ramón do Casar na comarca do Ribeiro e un total de 12 concertos en formato ‘showcase’, protagonizados por outros tantos intérpretes e grupos galegos: Radio Cos, Banda Crebinsky, Som do Galpom, Najla Shami, Luar na Lubre, Sumrrá, Rosa Cedrón, Abe Rábade, Daniel Minimalia, Caxade, Cuarteto Caramuxo e Sés. Os convidados asistiron tamén a unha interpretación especial da gaiteira Susana Seivane durante a visita que realizaron ao obradoiro de gaitas da súa familia, en Cambre.

Durante as diferentes sesións musicais, algunhas delas abertas tamén ao público, producíronse xa as primeiras conversas dirixidas a canalizar a internacionalización dos artistas participantes, dos que os programadores destacaron a súa calidade e profesionalidade.

Precisamente a calidade, xunto á variedade de estilos e ao potencial de proxección internacional, atópase entre os criterios tidos en conta á hora de compoñer esta programación musical, que serviu de complemento e reforzo á oferta galega que se presentará nos vindeiros días en Womex, coas actuacións de Davide Salvado na selección oficial da feira, Germán Díaz e Uxía no escenario Atlantic Connections, e Budiño, Mercedes Peón e Xabier Díaz no concerto de apertura que se celebra hoxe, a partir das 20.00 horas, no Auditorio de Galicia.

Comparte