Nova: A Xunta financia con máis de 33.000 euros a renovación da cuberta da igrexa de Ortoá, en Sarria

18/09/2019

A Xunta financia con máis de 33.000 euros a renovación da cuberta da igrexa de Ortoá, en Sarria

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, comprobou os traballos que se levan a cabo para evitar danos pola filtración de humidades

Sarria (Lugo), 18 de setembro de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo inviste máis de 33.000 euros nas obras de rehabilitación da cuberta da igrexa de Santa María de Ortoá, no concello de Sarria.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o templo para coñecer a marcha dos traballos, que teñen por obxecto corrixir o problema de filtración de humidades ao interior provocados polo mal estado do teito.

A intervención comezou nos primeiros días de setembro e suporá a renovación total da cuberta da edificación, tanto da nave da igrexa como da sancristía, substituíndo na súa totalidade as lousas e o sollado sobre o que se apoian.

Tamén se procede ao desmonte da armazón de madeira, aproveitando os materiais en bo estado e substituíndo as vigas que presentan deterioro, acométese a preparación e limpeza de paramentos verticais por medios manuais, para finalmente realizar a cuberta empregando lousa do país e madeira de castiñeiro.

O delegado explicou que esta obra da resposta ás demandas dos veciños e veciñas da parroquia, que expresaron en primeira instancia a necesidade de reparar o teito para evitar o deterioro da igrexa.

O templo está situado a 700 metros do lugar de Barreiros, no Camiño de Santiago, “o que fai se cabe máis necesaria esta actuación dado que o patrimonio cultural é un dos aspectos fundamentais que enriquecen a experiencia de percorrer as rutas xacobeas”, afirmou Balseiro.

Comparte