Nova: Intenso arranque do Womex na Cidade da Cultura, con 3.000 profesionais de 100 países

23/10/2014

Intenso arranque do Womex na Cidade da Cultura, con 3.000 profesionais de 100 países

A edición coa máis ampla presenza galega de toda a historia do festival conta cun amplo programa de concertos, encontros profesionais, networking, conferencias, showcases, filmes e documentais ten lugar desde hoxe ata o domingo no complexo do Gaiás

Womex destaca a boa organización e as enormes posibilidades da Cidade da Cultura de Galicia para acoller eventos internacionais desta dimensión

Esta feira internacional, considerada a mais relevante de ‘world music’, estímase que deixará en Galicia un beneficio de 2,5 millóns de euros
 

  • Cartel do WOMEX 14 Cartel do WOMEX
  • WOMEX 14 WOMEX 14
  • WOMEX 14 WOMEX 14

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca o extraordinario arranque esta mañá do Womex 2014, con 3.000 profesionais, artistas e xornalistas procedentes dun centenar de países diferentes participando nesta feira profesional que se celebra na Cidade da Cultura de Galicia desde hoxe ata o domingo, e que é a edición cunha máis ampla presenza galega da historia do festival.

Un programa de 300 actuacións en 60 concertos, encontros profesionais, sesións de networking, conferencias, showcases, documentais e filmes converterán estes catro días a Cidade da Cultura de Galicia e Santiago de Compostela na capital internacional da música popular e de raíz.

Womex, considerada a feira de ‘world music’ mais grande do mundo, estímase que deixará un beneficio en Galicia de 2,5 millóns de euros, ademais de supor unha potente plataforma para a internacionalización da cultura galega, con 300 xornalistas e 160 emisoras de radio acreditadas.

Neste senso, a consellería suliña a promoción que se está a realizar da música galega a través do stand GalicianTunes, onde están a operar unha vintena de compañías profesionais galegas que representan a medio cento de formacións artísticas galegas de diversos estilos e formatos, cun especialmente tratamento pola música popular e de raíz.

A organización de Womex destacou a magnífica impresión que a Cidade da Cultura de Galicia está a causar aos participantes e as enormes posibilidades do Museo Centro Gaiás e do edificio CINC para acoller este tipo de eventos internacionais. Ademais de en Santiago, Womex tense celebrado en Berlín, Marsella, Estocolmo, Rotterdam, Essen, Newcastle, Sevilla, Copenhague e Cardiff.

Programa de concertos
Xunto á feira comercial, o Museo Centro Gaiás acolleu esta mañá as actuacións do grupo Madeeh (Malasia) e de Paolo Angeli (Italia/España). Os concertos continuarán esta noite en Santiago con Cesária Évora Orchestra (Cabo Verde), El Gusto Orchestra (Alxeria/Francia) e Ed Motta (Brasil) no Auditorio de Abanca a partir 21,30 h.

Pola praza de A Quintana pasarán a partir das 21 h. Raúl Rodríguez – Razón de Son (España), Otava Yo (Rusia), Guayo Cedeño & Coco Bar (Honduras), Spiro (Reino Unido), Ajinai (China), Mayito Rivera & The Sons of Cuba (Cuba). No Teatro Principal, escenario Atlantic Connections, actuarán tamén a partir das 21 h. Custodio Castelo (Portugal), Germán Díaz – Método Cardiofónico (España), La Chiva Gantiva (Colombia/ Bélxica).

As actuacións no Auditorio Abanca, na praza da Quintana e no Teatro Principal complétasen coa oferta de offWOMEX no Salón Teatro, onde se poderán ver propostas mais alternativas, como Lleuwen (Reino Unido), Volosi (Polonia) ou Rura (Reino Unido).

 

Comparte