Nova: Programación educativa na Fundación Camilo José Cela
24/10/2014
Programación educativa na Fundación Camilo José Cela
A Fundación Barrié crea unha guía didáctica sobre o nobel padronés
Padrón (A Coruña), 24 de outubro de 2014.- A directora xerente en funcións da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, presentou hoxe na devandita Fundación o libro interactivo “Camilo José Cela Trulock: un creador total”, sobre o escritor padronés elaborada en colaboración coa Fundación Barrié. Ademais fíxose pública a programación educativa que a Fundación do premio Nobel levará a cabo neste curso escolar, cunha xornada de portas abertas para o profesorado, educadores e monitores de tempo libre.
A directora xerente da Fundación, Covadonga Rodríguez, fixo un percorrido polo libro multimedia, en compaña do director da Fundación Barrié, Javier López Martínez e a catedrática de lingua e literatura española, responsable dos contidos do mesmo, Ana María Platas Tasende. Este volume enmarcase dentro da colección “Más libros, más libres” de Educabarrié e inclúe recursos específicos para a análise do creador e dalgunhas das súas principais obras. Nas súas verbas, os directores de ambas Fundacións salientaron que “o obxectivo principal desta ferramenta é que os alumnos de ESO e Bacharelato afonden na figura de Cela dun xeito ameno e divertido, fomentando á súa vez o uso das TIC nas aulas”
Programación educativa 2014-2015
A proposta educativa dirixida á comunidade escolar para o presente curso, inclúe visitas dinamizadas á exposición permanente e as temporais, talleres e outras actividades que teñen como punto de partida a figura do autor, prestando especial atención á reflexión sobre a linguaxe e a creación literaria, sen obviar as súas relacións con outras áreas do currículo escolar. Ao mesmo tempo continuarase coa labor de difusión da figura do padronés nos propios centros a través do proxecto “Camiliño josesiño vai o cole” http://camilinojosesino.blogspot.com.es/ e co préstamo de maletas didácticas -que se inclúen coma novidade neste curso escolar-; tamén continuarase coa difusión do seu legado e do seu museo por medio do “Letreseo” e do fomento da creación literaria e a lectura, coa convocatoria de concursos específicos.
Inauguración exposición
Para rematar a xornada, inaugurouse a mostra temporal “José García Nieto: Viaje a vela por mi sueño”. Con ela a Fundación pretende afondar nas diversas facetas do poeta ovetense e tamén premio Cervantes e Premio Nacional de Literatura, José García Nieto, cando se conmemora o centenario do seu nacemento. Na mostra, que ten como fío condutor os famosos coloquios do Café Gijón, poderase ver unha importante parte do legado biográfico e persoal do autor que se conserva en Iria e que foi doado á Fundación por el mesmo en 1997.