Nova: Galicia cede o testemuño da organización do Womex 2015 a Budapest
24/10/2014
Galicia cede o testemuño da organización do Womex 2015 a Budapest
Na capital galega déronse cita desde o día 22 de outubro máis de 2.600 participantes procedentes de 100 países
Santiago, 24 de outubro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe o acto institucional de traspaso da organización do Womex 2015 á cidade de Budapest (Hungría). No decurso do mesmo, e en representación da comunidade autónoma, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, fíxolle entrega do testemuño deste evento internacional ao ministro de Recursos Humanos do Goberno de Hungría, Zoltán Balog. Tras agradecer a presenza da delegación húngara desprazada a Santiago, Pilar Rojo aproveitou a súa intervención para facer un percorrido pola historia musical galega e puxo en valor a capacidade da música para achegar culturas.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Educación do Goberno galego estableceu un paralelismo entre a condición de Santiago como cidade Patrimonio da Humanidade e punto de encontro de culturas a través da peregrinación xacobea, e a capital húngara, pola súa “relevancia histórica” na construción europea entre os pobos e idiosincrasias do centro continental. Vázquez Abad lembrou que Hungría é berce de mestres compositores clásicos universais, e engadiu que a día de hoxe a súa capital, Budapest, conta coa “vitalidade e a enerxía dunha nova xeración de músicos, de pegada tradicional pero con mirada ao futuro” que a converten no marco axeitado para ser o vindeiro ano a embaixadora da música actual a nivel internacional.
Así mesmo Vázquez Abad cualificou de “grande honor” representar ao Goberno galego na cesión da organización da próxima edición da World Music Expo Womex 2015 a Budapest, da que dixo que “será sen dúbida unha magnífica nova parada” deste evento no que “a través da música, viaxan valores tan relevantes e necesarios como a convivencia, o intercambio, a tolerancia e a concordia entre os pobos”, concluíu.
O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Santiago, Agustín Hernández; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e do director da Agadic, Jacobo Sutil. Por parte húngara asistiron o vicesecretario de Estado da Cultura do goberno de Hungría, Miklós Cseri; a embaixadora de Hungría en España, Enikö Gyori; e o agregado cultural da embaixada, Istaván Behyhe.
Actividade en Compostela
A vixésima edición da maior feira internacional de música tradicional e de raíz arrancou o pasado mércores en Santiago e pechará as súas portas o domingo. Nestes cinco días, na capital compostelá danse cita máis de 2.600 participantes procedentes de 100 países, no que xa está a ser a Womex con maior número de participantes do último quinquenio. Nestes días, a Cidade da Cultura xunto con outros espazos da cidade vella estanse a converter nos escenarios dun total de 60 concertos nos que participan 300 músicos de todo o mundo.
Cómpre lembrar que nesta edición –a primeira que se celebra en Galicia-, a Consellería de Cultura e Educación promove a presenza da música galega a través dun stand no que, baixo a marca común de difusión exterior GalicianTunes, operan unha vintena de compañías profesionais galegas que representan a medio cento de formacións artísticas do noso país de todos os estilos e formatos, cun especial tratamento á música tradicional e de raíz. Deste xeito, o espazo GalicianTunes –ubicado no Museo Centro Gaiás– estase a converter no epicentro de traballo para o negocio musical galego en Womex 2014.
Womex está organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), e como socio local forma parte da organización Nordesía Producións en partenariado con AGADIC (Xunta de Galicia), a Cidade da Cultura e o Concello de Santiago. Tamén apoia o evento Turismo de Galicia, INCOLSA, o INAEM, a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE, mentres que o principal patrocinador privado é Hijos de Rivera.