Nova: Máis recursos para escavacións nos Castro de Viladonga

14/10/2019

Máis recursos para escavacións nos Castro de Viladonga

A Xunta adxudica unha nova campaña de escavación e consolidación no Castro de Viladonga por importe de 213.200 euros

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se actuará sobre unha superficie aproximada de 830 metros cadrados no sector nordés da croa

Castro de Rei (Lugo), 14 de outubro de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe no portal de contratos de Galicia a adxudicación dunha nova campaña de escavacións e consolidación de estruturas no castro de Viladonga, en Castro de Rei (Lugo), cun orzamento de 213.200 euros.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que se actuará sobre unha superficie duns 830 metros cadrados no sector nordés da croa, que inclúe as estruturas localizadas durante a campaña do pasado ano. O prazo máximo de execución será de nove meses.

Levaranse a cabo traballos de investigación, documentación, escavación, consolidación e acondicionamento do xacemento, ampliando a área de intervención coa finalidade de favorecer o seu estudo, de garantir a súa conservación e protección, e conseguir a súa posta en valor e mellor comprensión e visibilidade por parte do público que visite este xacemento.

O proxecto recolle unha área de arredor de 170 metros cadrados de escavación arqueolóxica nova, e tamén se procederá á escavación ata a rocha nai do espazo interior do monumental alxibe que abastecía de auga ao poboado castrexo, atopado durante os traballos do pasado ano. A continuación consolidaranse todos os elementos, tanto o alxibe, estruturas circulares anexas e o empedrado que saíron á luz no 2018 como as que poidan aparecer nesta intervención.

Xunto a esta actuación principal tamén se levará a cabo a escavación e restauración dun tramo de 50 metros cadrados do lenzo interior da muralla que defende a croa do castro. Igualmente, realizarase a roza e limpeza de vexetación do xacemento arqueolóxico nunha superficie aproximada de 3 hectáreas, incluíndo a croa, antecastros, murallas, parapetos e fosos. Así mesmo, quérese difundir entre a cidadanía os traballos que se van realizar mediante diferentes accións de divulgación.

O castro de Viladonga está declarado Ben de Interese Cultural (BIC); datado na Idade do Ferro e época romana, é un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia e un dos máis coñecidos e visitados polo público en xeral.

Comparte