Nova: Axudas de 300.000 euros para distribuír e promocionar un cento de espectáculos

28/10/2014

Axudas de 300.000 euros para distribuír e promocionar un cento de espectáculos

Esta partida está inserida no programa xeral de subvencións da Agadic para a industria cultural galega, ao que se destinan 4,01 millóns de euros en 2014

  • Axudas de máis de 300.000 euros a 54 empresas culturais Axudas de máis de 300.000 euros a 54 empresas culturais

Santiago, 28 de outubro 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adxudicou un total de 334.484 euros en axudas a 54 empresas culturais galegas ao abeiro das subvencións á distribución convocadas pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Esta contía destínase a financiar 104 propostas de exhibición de espectáculos escénicos e musicais dentro e fóra de Galicia, así como á promoción exterior de produtos culturais mediante a asistencia a feiras e mercados internacionais.

A Agadic fixo pública a través da súa páxina web a terceira quenda de adxudicacións nesta categoría, coa que completa a resolución da convocatoria de 2014 neste apartado, destinado a favorecer a mobilidade e a proxección internacional dos artistas e das creacións culturais galegas.

Estas axudas á distribución insírense, á súa vez, nunha das dez liñas de subvencións ás industrias culturais –incluíndo o sector audiovisual– publicadas este ano cunha dotación total de 4.010.000 millóns de euros, cifra que supón un incremento do 51,54 por cento respecto da contía convocada en 2013.

Apoio á totalidade das solicitudes
No caso concreto das axudas para distribución, para as que se reservaba un orzamento máximo de 350.000 euros, apóiase a totalidade das solicitudes presentadas en prazo e de acordo cos criterios requiridos para a súa concesión automática.

Do total adxudicado, un 56 por cento corresponde a 46 propostas de actuacións e xiras a nivel estatal e internacional de compañías escénicas e de grupos e intérpretes musicais, mentres que un 23,55 por cento diríxese á distribución de espectáculos dentro de Galicia a través das 11 proxectos. Ademais, un 17,50 por cento destínase a 34 accións de promoción da nosa cultura mediante a participación de empresas galegas en feiras internacionais e mercados sectoriais dos diferentes ámbitos da industria cultural, mentres que o 2,95 por cento restante diríxese de xeito específico a representacións escénicas ou concertos realizados no marco de feiras e festivais fóra da nosa Comunidade.

Última resolución
A través da terceira resolución publicada en www.agadic.info/axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais achega un importe total de 76.233,78 euros a 33 proxectos, que veñen sumarse aos 258.250,31 euros distribuídos entre as 71 solicitudes beneficiarias das dúas primeiras quendas de adxudicacións, xa publicadas a primeiros de agosto e de setembro, respectivamente.

Na relación de adxudicatarias desta terceira concesión figuran un total de 25 empresas: 11 promotoras musicais, 10 compañías de teatro e danza, dúas editoras e dúas galerías de arte. No caso da música, estas axudas buscan impulsar a presenza de empresas galegas –a través dos seus artistas e grupos– en destacados escenarios, festivais e mercados profesionais de recoñecemento internacional. Neste sentido, esta última listaxe de proxectos subvencionados inclúe a xira de Luar na Lubre en España e Latinoamérica, de Jamila Purofilin en Arxentina, de Tato López en Latinoamérica, de Vetusta Morla en España e de Samuel Diz tamén en España e no John Whibley Festival de Francia, así como as actuacións de Agoraphobia na Monkey Week de El Puerto de Santa María e do Sonoro Maxín no Mercat de Música Viva de Vic.

En canto á escena, favorécese a presenza dos espectáculos galegos en numerosos escenarios, mostras e festivais, principalmente fóra de Galicia. É o caso, por exemplo, da viaxe de TrasPediante a Suíza con ‘Baleadas’, de Inversa a Madrid e a Valencia, ou de Borja Fernández e Mónica de Nut a Cataluña con ‘Barbazul’.

Tamén reciben apoio nesta quenda as produtoras e distribuidoras escénicas Urdime, Elefante Elegante, Baobab Teatro e Teatro del Andamio; as promotoras musicais Dotbeat, Adhesión Mercantil Coruñesa, Universalodds, Culturactiva e Esmerarte; as empresas de arte Espacios Adhoc e MC Proxectos de Arte; e as editoras Ideaspropias e Hércules de Ediciones para sufragar os gastos derivados da súa presenza en destacadas feiras e mercados profesionais dentro e fóra de España.
 

Comparte