Nova: Venres nas librarías propón esta semana un encontro literario con María Reimóndez
29/10/2014
Venres nas librarías propón esta semana un encontro literario con María Reimóndez
A escritora e tradutora presenta na libraría Andel de Vigo a súa obra Dende o conflito (Xerais) ás 20 horas
Santiago, 29 de outubro de 2014.- O programa Venres nas librarías, promovido polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores (AGE), regresa esta semana cun novo encontro literario nas librarías para dinamizar o libro e a lectura. O vindeiro venres 31 de outubro, a escritora, tradutora e intérprete María Reimóndez presentará no marco deste programa a súa última obra, Dende o conflito, publicada por Xerais, nun acto que terá lugar ás 20 horas na libraría Andel de Vigo.
A través de Saínza Combarro, unha xornalista galega que cobre conflitos bélicos para a BBC, o libro aborda a importancia do exercicio xornalístico nas situacións de guerra. O abismo entre o norte e o sur, a pobreza, a fame, a miseria e a marxinación mestúranse nesta obra, Premio Xerais de Novela 2014, co valor da amizade e do amor, coa diversidade e a contradición de sentimento e, en definitiva, coa esencia das cousas que son as realmente importantes na vida.
Encontros literarios arredor das novidades editoriais
Os títulos galegos publicados ao longo do último ano son os protagonistas desta nova iniciativa para o fomento do libro e da lectura. Arredor destas publicacións e dos seus autores e autoras, Venres nas librarías propón encontros literarios en establecementos dedicados á venda e promoción do libro da Federación de Librarías de Galicia, que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro.
Os asociados da AGE son os encargados de elaborar a proposta de libros, de acordo cos autores e autoras, que forman parte da primeira edición do programa, e nel poden participar todas as librarías da Federación de Librarías de Galicia.
O calendario de Venres nas librarías, que inclúe títulos de Edicións Xerais, Edicións Embora, Hércules de Ediciones e Tosoxoutos, chegará ata o mes de novembro ás catro provincias galegas. O calendario do programa pode consultarse na axenda de cultura.gal.
Concurso nas redes sociais
O programa tamén conta cunha vertente nas redes sociais de Cultura, en Facebook e Twitter, cun pequeno concurso semanal de pistas para a descuberta dalgún libro galego, co que se agasallará o lector ou lectora que o descubra. Para participar neste concurso, Andel do agasallo, en @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e na páxina www.facebook.com/CulturaGalegaXunta iranse facilitando pistas para adiviñar de que libro se fala cada semana nas redes.