Nova: A Xunta licita as obras de restauración da fachada do Pazo de San Roque en Santiago por máis de 200.000 euros

28/11/2019

A Xunta licita as obras de restauración da fachada do Pazo de San Roque en Santiago por máis de 200.000 euros

Presentárono hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua

O proxecto inclúe, entre outras actuacións, accións para evitar filtracións de auga ou de limpeza das carpinterías de madeira e elementos metálicos da fachada

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019.- A Xunta licita as obras de restauración da fachada do Pazo de San Roque, na cidade de Santiago de Compostela, por máis de 200.000 euros. Así o anunciaron hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, tras realizar unha visita ao inmoble na que debullaron os detalles do proxecto.

O edificio, antigo hospital de San Roque, ten a condición de ben catalogado e está incluído no catálogo do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica do Concello de Santiago de Compostela. Entre as actuacións que se levarán a cabo a través deste proxecto destacan, entre outras, accións para evitar filtracións de auga, actuacións nos elementos de evacuación, de limpeza nos revocos das fachadas, nos parámetros verticais e pavimentos de pedra ou nos elementos metálicos oxidados e nas carpinterías de madeira.

A capela de San Roque e o hospital homónimo iniciáronse no ano 1517 para pedir pola fin da peste que nese ano se propagaba por Galicia e concluíuse 70 anos despois. Do deseño do edificio encargouse Gaspar de Arce, mestre de obras da Catedral de Santiago.

No primeiro terzo do século XIX, como indican as inscricións que se len no friso e sobre unha das columnas do claustro, o hospital sufriu unha restauración completa e da traza orixinal renacentista só e conserva a portada. O edificio conta cunha planta rectangular e acolle un gran patio a modo de claustro que conta con dúas galerías nas que se dispoñen arcos de medio punto sobre columnas dóricas.

A finais do século XX, o arquitecto Federico Carro Gil redactou o Plan Director de restauración deste inmoble e un ano máis tarde acometéronse obras de restauración integral para adaptar o edificio a novos usos institucionais.

Comparte