Nova: A Xunta contribúe á posta en valor e rehabilitación do conxunto de tres muíños emprazados na contorna do santuario das Ermidas, no concello ourensán do Bolo 

08/12/2019

A Xunta contribúe á posta en valor e rehabilitación do conxunto de tres muíños emprazados na contorna do santuario das Ermidas, no concello ourensán do Bolo 

A Consellería de Cultura e Turismo destinou 35.000 euros na restauración dun muíño como fábrica de luz para producir enerxía

Esta intervención está enmarcada na liña de axudas para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural

A delegada territorial lembrou que este ano 35 concellos e entidades locais da provincia recibiron un total de 988.500 euros

Os concellos e entidades locais teñen aberto ata o 30 de decembro o prazo da nova convocatoria desta liña de axudas para impulsar o rural galego

  • Muiños do santuario das Ermidas Muiños do santuario das Ermidas

O Bolo (Ourense), 8 de decembro de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o concello do Bolo para coñecer a actuación de rehabilitación dun muíño hidroeléctrico e a creación dunha fábrica de luz executada grazas as axudas da Consellería de Cultura e Turismo, que achega o 65% do total do custo do proxecto. Esta actuación forma parte dunha intervención máis ampla de posta en valor do patrimonio cultural deste concello ourensán que incluíu, ademais, a restauración doutros dous muíños, un fariñeiro e outro de aceite, emprazados na marxe do río Bibei, en As Ermidas.

Díaz Mouteira, acompañada polo alcalde do municipio, Manuel Corzo, coñeceu os traballos realizados para recuperar o muíño e reconvertelo en nunha pequena fábrica de luz, co obxectivo de amosar aos visitantes o procedemento usado para a produción de electricidade, xa que coa pequena central se abastecerá de enerxía ao propio muíño. A actuación incluíu tamén traballos de limpeza e acondicionamento dos accesos, así como de sinalización.

A delegada territorial lembrou que este proxecto realízase ao abeiro das subvencións que o Goberno galego outorga para a mellora das infraestruturas turísticas que teñan como finalidade o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural de cara á consolidación da oferta turísticas nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Díaz Mouteira subliñou a colaboración da Xunta coas entidades locais para avanzar en proxectos que beneficien aos seus cidadáns e contribúan ao seu benestar e desenvolvemento económico. “En moitas ocasións, proxectos como a restauración deste muíño se poderían levar a cabo se a Xunta e os concellos non suman esforzos”, asegurou. Así, Marisol Díaz puntualizou que o orzamento desta actuación cífrase en 53.400 euros, dos que a Xunta achega 35.000 euros.

A representante do Goberno autonómico explicou que, ao abeiro desta liña de subvencións, se concederon axudas por un importe de 988.500 euros a preto de 35 concellos e entidades locais da provincia de Ourense co obxectivo de mellorar a accesibilidade física e á sinalización dos seus recursos turísticos . Díaz Mouteira indicou que a Xunta financia o 65% do total do custo do proxecto.

Aberta a nova convocatoria

A Xunta abriu xa a nova convocatoria desta liña de axudas para melloras de infraestructuras turísticas do rural, á que os concellos e entidades locais poden concorrer ata o 30 de decembro. Conta cun investimento inicial de 1,2 millóns de euros e busca fomentar a recuperación, accesibilidade e sinalización dos recursos no medio rural para impulsar a diversificación da actividade turística por todo o territorio a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Trátase dunha orde de axudas en concorrencia competitiva impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo á que poden concorrer concellos, mancomunidades e consorcios locais con competencias en materia de turismo, así como agrupacións de concellos. Con esta liña de axudas, a Xunta contribúe a impulsar o desenvolvemento socioeconómico do rural galego a través da actividade turística.

Comparte