Nova: Santiago convértese no epicentro escénico galego durante o Galicia Escena PRO
03/11/2014
Santiago convértese no epicentro escénico galego durante o Galicia Escena PRO
A mostra desenvolverá ata o mércores máis de 24 horas de programación arredor de 11 espectáculos e 12 ‘showcases’, dous encontros entre programadores e distribuidores, un taller de estratexias de venda e un concerto
Un total de 79 axentes culturais danse cita neste evento, que se abre tamén ao público xeral a través dunha intensa carteleira de teatro, danza, novo circo e maxia
Santiago, 3 de novembro de 2014.- Santiago de Compostela é desde hoxe e ata o vindeiro mércores 5 de novembro o epicentro do sector escénico galego con motivo da celebración da segunda edición de Galicia Escena PRO, mercado organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) como escaparate para a compra-venda dos espectáculos galegos e como plataforma para unha maior visibilidade social da produción escénica da nosa Comunidade.
Estas tres xornadas articúlanse arredor dun intenso programa con máis de 24 horas de actividade profesional e artística en catro espazos da cidade: Salón Teatro, Teatro Principal, Fundación SGAE e Auditorio Abanca. Ofreceranse, en total, 11 espectáculos e 12 ‘showcases’ de teatro, danza, maxia e novo circo, dous encontros entre programadores e distribuidores, un obradoiro sobre estratexias de venda de producións escénicas e un concerto especial de peche.
Modelos de venda local e internacional
Galicia Escena PRO deu comezo esta mañá co taller ‘Venderse nun ascensor’, realizado en colaboración coa Cofae (Coordinadora de Feiras de Artes Escénicas do Estado Español), no que participaron os representantes dunha vintena de compañías galegas. Mikel Ribalta, produtor, xestor de proxectos e xefe da Área de Promoción Internacional da FiraTárrega, foi o encargado de impartir este obradoiro arredor das estratexias para a presentación de proxectos escénicos e dos diferentes modelos de venda tanto a nivel local como internacional.
Xunto co desenvolvemento desta acción formativa, outra das novidades da segunda edición desta mostra galega das artes escénicas ten que ver coa inclusión no programa de dous encontros específicos para favorecer o intercambio profesional dos 79 axentes culturais acreditados no mercado, entre os que se atopan programadores de espazos escénicos públicos e privados, de festivais e representantes de compañías e empresas distribuidoras. Estas citas terán lugar na Fundación SGAE hoxe e o mércores, ás 14.00 e ás 13.30 horas, respectivamente.
En canto á programación artística, seleccionada entre un total de 88 propostas recibidas, hoxe participan en Galicia Escena PRO as primeiras nove compañías das 23 en cartel: Tanxarina Títeres con ‘A casa do avó’, unha historia cómico-poética sobrea solidariedade (Fundación SGAE, 13.00 horas); Berrobambán con ‘Avestruz en terra allea’, reverso para público adulto do poemario 'Contatrás', a partir do que xa presentaran 'A folla máis alta' para o público infantil (Auditorio Abanca, 17.30 horas); e Talía Teatro con ‘Demolición’, un 'comidrama' que reflexiona sobre o fracaso colectivo e a fraxilidade humana (Teatro Principal, 19.00 horas); así como as formacións protagonistas dos seis primeiros showcases (Antón Coucheiro, Aporía Escénica, A Producións Artísticas, B.B Producións, Chévere e Cisma Danza), que se exhibirán no Salón Teatro a partir das 22.00 horas.
Segunda xornada
Este último escenario acollerá tamén a segunda sesión de ‘showcases’ da mostra, que se celebrará mañá martes día 5 ás 12.30 horas. Neste caso, as propostas xirarán arredor da maxia e do teatro para público infantil e familiar da man do Mago Teto, Mago Rafa, Redrum Teatro, Fantoches Baj, Magín Blanco e Os Tres TENedORES.
Polo que respecta aos espectáculos completos, maña será a quenda de Abrapalabra Creacións Escénicas con ‘Ra Ra Ra’, unha montaxe para os espectadores máis novos sobre como as ras aprenden a cantar (Fundación SGAE, 11.00 horas); Pistacatro Produtora de Soños con ‘Desperta!’, produción de novo circo que afonda nas identidades individuais,no que nos iguala e no que nos fai diferentes (Auditorio Abanca, 17.30 horas); Sarabela Teatro con ‘Pequenas certezas’, unha historia de suspense e humor para explorar a presenza de alguén a través da súa ausencia (Teatro Principal, 19.00 horas); e Pisando Ovos coa coreografía ‘Que volvan as flores’, que xira arredor do mesmo proceso creativo, construíndoseao tempo que se amosa ao público (Salón Teatro, 22.00 horas).
A terceira e última xornada dará comezo o mércores ás 11.00 horas na Fundación SGAE cun novo espectáculo para público infantil: ‘Rumpelstikin, o anano saltarín’, coprodución de Trompicallo e Kalina Teatro que mestura teatro visual, obxectos animados, sombras e proxeccións. Neste mesmo espazo compostelán, a compañía de recente creación A Panadaría representará ás 12.30 horas a súa particular homenaxe ás vellas películas do Oeste, titulada ‘PAN! PAN!’.Xa pola tarde, Producións Teatráis Excéntricas porá en escena a comedia‘Bobas & Galegas (Mofa e Befa no Século d’Ouro)’ ás 17.30 horas no Teatro Principal, mentres que ilMaquinario Teatro estará no Salón Teatro ás 19.30 horas con ‘Perplexo’, a súa segunda produción tralo seu exitoso debut con ‘O home almofada’.
Entrada libre
Ademais dos axentes culturais rexistrados, os espectadores non acreditados poderán asistir de xeito gratuíto a todas estas funcións ata completar a capacidade do espazo correspondente. As invitacións para cada espectáculo poden retirarse na billeteira desde unha hora antes do inicio.
Galicia Escena PRO ten preparado, así mesmo, un concerto especial de Talabarte –o trío instrumental de Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual– como actividade de peche desta segunda edición. A cita será o mércores 5, ás 22.30 horas, no Pub Ultramarinos de Santiago.