Nova: Axudas de 175.000 euros a doce proxectos audiovisuais en galego

05/11/2014

Axudas de 175.000 euros a doce proxectos audiovisuais en galego

As beneficiarias son Zeitun Films, Ficción Producciones, Pulsa Control Z, Xamalú Filmes, Frida Films, El Viaje Producciones Integrales Canarias, Vía Láctea Filmes, Zenit Televisión, Portocabo TV, Zircozine, Matriuska Producciones e Cooperativa de Cine y Documental

  • Axudas de 175.000 euros a doce proxectos audiovisuais en galego, en fase de desenvolvemento Axudas de 175.000 euros a doce proxectos audiovisuais en galego, en fase de desenvolvemento

Santiago, 5 de novembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolveu a adxudicación de 175.000 euros en axudas a un total de 12 produtoras independentes para a preprodución de nove longametraxes cinematográficas, dúas miniseries e un piloto dun programa para televisión, de acordo coas subvencións de 2014 para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega.

A través desta liña de apoio, convocada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), contribúese ao financiamento da fase previa á realización das novas producións que porán en marcha proximamente Zeitun Films, Ficción Producciones, Pulsa Control Z, Xamalú Filmes, Frida Films, El Viaje Producciones Integrales Canarias, Vía Láctea Filmes, Zenit Televisión, Portocabo TV, Zircozine, Matriuska Producciones e Cooperativa de Cine y Documental.

Financiamento á preprodución
A contía adxudicada este ano, que experimentou un incremento do 16,6 por cento respecto do total concedido en 2013, destínase especificamente a unha serie de operacións previas ao proceso de produción, tales como a adquisición de dereitos de autor, asesoramento e actos xurídicos, deseño e realización de material promocional, contratación dun plan de márketing e participación en mercados e foros de coprodución e desenvolvemento de proxectos, así como gastos de persoal e de Seguridade Social do guionista e/ou director e unha porcentaxe concreta de gastos xerais e imprevistos. Ademais, tal e como especifican as bases, o importe que recibirá cada unha das empresas subvencionadas será distribuído entre as anualidades de 2014 e 2015.

Estas axudas forman parte do programa xeral de subvencións ao sector audiovisual que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad xestiona a través da Agadic e no marco do que este ano se publicaron cinco convocatorias por un importe total de 2,53 millóns de euros, un 92,25 por cento máis ca en 2013. Así, esta adxudicación súmase á de festivais e a outras tres convocatorias que se atopan actualmente en trámite de resolución (produción e coprodución de longametraxes, promoción do talento audiovisual e promoción, comercialización e exhibición dos produtos audiovisuais galegos).

Novas longametraxes
No caso das axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, as propostas adxudicatarias corresponden a tres das catro modalidades convocadas. Os títulos subvencionados no apartado de longametraxes cinematográficas son ‘Tempo vertical’, de Zeitun Films, con 18.693,66 euros; ‘Dragal’, de Ficción Producciones, con 16.918,43 euros; ‘Ningún deus aquí arriba’, de Pulsa Control Z, con 16.918,43 euros; ‘Maldita memoria’, de Xamalú Filmes, con 16.817,72 euros; ‘Semana grande’, de Frida Films, con 15.810,67 euros; ‘Longa noite’, de El Viaje Producciones Integrales Canarias, con 15.609,26 euros; ‘Rosalía’, de Vía Láctea Filmes, con 15.609,26 euros; ‘A expedición’, de Zircozine, con 12.545,32; e ‘Chacra’, de Cooperativa de Cine y Documental, con 7.983,38 euros.

En canto aos produtos para televisión, apóianse os proxectos das miniseries ‘Catalina de Aragón’, de Zenit Televisión, con 15.206,45 euros; e ‘Fisterra’, de Portocabo TV, con 14.086,34 euros; así como o piloto do programa ‘Os minifilmes’, presentado por Matriuska Producciones, con 8.566,19 euros.

A resolución desta convocatoria pode consultarse na páxina web da Agadic: www.agadic.info/axudas
 

Comparte