Nova: Venres nas librarías leva os seus encontros literarios a Santiago, Vigo, Ourense e Narón

06/11/2014

Venres nas librarías leva os seus encontros literarios a Santiago, Vigo, Ourense e Narón

Teñen como protagonistas o novo libro de Eduardo Santiago, O Gran Reino; a obra Salseiros, de Suso Lista; o estudo de Henrique Monteagudo sobre a nobreza miñota e a lírica trobadoresca; e o último volume da Historia contemporánea de Galicia editada por Hércules

  • O programa Venres nas librarías, promovido polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores (AGE), fai parada mañá nos concellos de Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Narón con catro encontros literarios para dinamizar o libro e a lectura. O programa Venres nas librarías, promovido polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores (AGE), fai parada mañá nos concellos de Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Narón con catro encontros literarios para dinamizar o libro e a lectura.

Santiago, 6 de novembro de 2014.- O programa Venres nas librarías, promovido polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores (AGE), fai parada mañá nos concellos de Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Narón con catro encontros literarios para dinamizar o libro e a lectura.

Na cidade da oliveira, o escritor pontevedrés Eduardo Santiago presentará o seu último libro, O gran reino, editado por Edicións Xerais, nun acto que terá lugar ás 20 horas na Libraría Librouro. Gala, unha adolescente marcada pola anoxeria, a loucura e a falta de cariño dos pais é a protagonista desta novela, galardoada co Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2014.

Nobreza e lírica trobadoresca
Á mesma hora, a Libraría Pedreira de Santiago de Compostela acollerá a presentación da obra A nobreza miñota e a lírica trobadoresca na Galicia da primeira metade do século XIII (Toxosoutos), de Henrique Monteagudo. O profesor e académico da lingua galega presenta neste estudo unha pescuda realizada a partir de dúas mandas testamentarias do cabaleiro don Johan Soarez de Chapela, identificado co trobador Johan Soayrez Somesso.

A partir da exploración do contexto histórico deste, indágase a composición dalgunhas das familias nobres do sudoeste de Galicia relacionadas co fenómeno trobadoresco e investígase as relacións entre elas e delas con outras cun papel coñecido na emerxencia da lírica cortés.

Relatos de mar de Suso Lista
Salseiros será outro dos libros protagonistas da xornada. O seu autor, Suso Lista, estará ás 19 horas na Libraría Day de Narón para presentar este traballo, editado por Edicións Embora, que rescata das redes sociais, onde se foron publicando primeiro, máis de medio cento de relatos de mar deste percebeiro cormeán, actor, guionista de televisión e axitador cultural.

Finalmente, a Libraría La Región acollerá a presentación da obra Historia contemporánea de Galicia. Finais do século XX, principios do século XXI, que terá lugar ás 19 horas. Coordinada por Domingos Sampedro Orellán, o volume aborda a historia de Galicia desde as últimas décadas do pasado século ata a actualidade.

Encontros literarios nas librarías
Os títulos galegos publicados ao longo do último ano son os protagonistas desta nova iniciativa para o fomento do libro e da lectura. Arredor destas publicacións e dos seus autores e autoras, Venres nas librarías propón encontros literarios en establecementos dedicados á venda e promoción do libro da Federación de Librarías de Galicia, que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro.

Os asociados da AGE son os encargados de elaborar a proposta de libros, de acordo cos autores e autoras, que forman parte da primeira edición do programa, e nel poden participar todas as librarías da Federación de Librarías de Galicia.

O calendario de Venres nas librarías, que inclúe títulos de Edicións Xerais, Edicións Embora, Hércules de Ediciones e Tosoxoutos, chegará ata o mes de novembro ás catro provincias galegas. O calendario do programa pode consultarse na axenda de Cultura, en cultura.gal.

Á descuberta de novidades editoriais
O programa tamén conta cunha vertente nas redes sociais de Cultura, en Facebook e Twitter, cun pequeno concurso semanal de pistas para a descuberta dalgún libro galego, co que se agasallará o lector ou lectora que o descubra. Para participar neste concurso, Andel do agasallo, en @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e na páxina www.facebook.com/CulturaGalegaXunta iranse facilitando pistas para adiviñar de que libro se fala cada semana nas redes.

Comparte