Nova: Nimbos de luz chega a Lalín, no seu percorrido por unha vintena de concellos de Galicia
07/11/2014
Nimbos de luz chega a Lalín, no seu percorrido por unha vintena de concellos de Galicia
Rematará a súa itinerancia a finais de ano no concello ourensán de Celanova
Lalín (Pontevedra), 7 de novembro de 2014.- Nimbos de luz estará en Lalín a primeira quincena de novembro. Trátase da mostra conmemorativa das Letras Galegas 2014, dedicadas a Xosé María Díaz Castro. A traxectoria vital e profesional do poeta e tradutor de Guitiriz centra a exposición, que foi inaugurada esta mañá no Auditorio Municipal lalinense polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Poderá visitarse alí ata o vindeiro 18 de novembro.
A mostra, comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo, que tamén participaron no acto de inauguración en Lalín, permítelle ao público achegarse á figura de Xosé María Díaz Castro por medio de 14 paneis temáticos que fan un percorrido pola vida e pola obra do poeta. O proxecto expositivo compleméntase coa proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, que afonda na figura do escritor de Guitiriz co obxectivo de dar a coñecer a súa traxectoria vital e literaria, e compleméntase con folletos ilustrativos nos que se reflicte o contido da mostra.
O acto tamén contou coa participación dun grupo de 70 rapaces e rapazas do IES Ramón Aller Ulloa.
Percorrido por toda Galicia
Logo do seu paso por Guitiriz, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Estrada, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo, A Coruña, Lugo, Ourense e A Rúa, a mostra pódese visitar ata o 18 de novembro no Auditorio Municipal lalinense.
No seu percorrido polas catro provincias galegas ao longo deste ano, que comezou en Guitiriz, terra natal do poeta, o pasado 19 de febreiro, coincidindo co centenario do seu nacemento, a exposición continuará a súa itinerancia ata finais de ano, con paradas na Casa da Cultura da Laracha, do 18 ao 30 de novembro; en Cee, onde se poderá visitar no IES Fernando Blanco do 1 ao 14 de decembro e na Casa dos Poetas de Celanova, onde dará por concluído o seu percorrido por un total de 17 puntos da xeografía galega.
Con motivo da celebración das Letras Galegas 2014, a Xunta de Galicia promoveu un completo programa de actividades para contribuír a dar a coñecer entre a cidadanía a figura e a obra de Díaz Castro, así como para poñer en valor o seu legado literario. A exposición ‘Nimbos de luz’ é unha das iniciativas centrais desta programación, no que tamén se inclúen distintas edicións conmemorativas, estudos críticos, traducións e versións bilingües ao éuscaro, inglés e ruso, materiais audiovisuais, unha web monográfica, así como actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Díaz Castro nas bibliotecas de Galicia.