Nova: Medalla de ouro do Concello Quiroga ao presidente do Centro Galego de Barcelona

08/11/2014

Medalla de ouro do Concello Quiroga ao presidente do Centro Galego de Barcelona

A distinción recoñece o seu traballo ao fronte da institución e a difusión da lingua e a cultura galega

  • Manoel Carrete Manoel Carrete

Quiroga (Lugo), 8 de outubro de 2014.- O titular de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, acompañado polos secretarios xerais de Política Lingüística e Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, e o alcalde da localidade, Julio Álvarez Bouzas, pechou esta tarde no salón de sesións do concello de Quiroga o acto de entrega do pergamiño e a medalla de ouro a Manuel Carrete, presidente do Centro Galego de Barcelona. A institución municipal concede o recoñecemento a aquelas persoas que destacan na promoción do concello, pero neste caso, tamén pola publicación de varios libros e a realización dunha tese de doutoramento centrada na diáspora galega en Cataluña a principios do século XX.

No acto tamén estiveron presentes o vicepresidente primeiro da Mesa do Parlamento, Miguel Santalices, o director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Luís Foxo, ademais do da Fundación Carlos Casares e do Liceo de Ourense, Carlos Casares. Ademais do alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz e a alcaldesa do Caurel, Dolores Castro Ochoa.

Traballo na diáspora en prol da cultura galega
O titular de Cultura e Educación subliñou do premiado que se trata dun persoeiro “admirable pola súa bonhomía e curiosidade intelectual no que a galeguidade prendeu un bo día para que agromasen nel froitos prodixiosos dos que foi e é beneficiaria a comunidade galega en Cataluña”. O conselleiro tamén incidiu en que “a forma máis fiel de coñecer o grao de madurez e bondade de persoas e sociedades é a través da capacidade que estas teñen de fascinarse ou admirarse coas obras doutras persoas e sociedades”

Vázquez Abad rematou o seu relatorio gabando a Manoel Carrete “por seguir traballando de cara o futuro con empeño e sabedoría no labor de enriquecer e prestixiar en Cataluña a cultura e a lingua do noso, que demostraches tanto amar e polo que tanto te esforzas”. Ao tempo o conselleiro salientou que “a súa concienciación non tivese lugar en Galicia, senón en Cataluña, onde se atopa o lume do lar familiar, e estou convencido de que o teu exemplo servirá de semente para as xeracións vindeiras”

Perfil do homenaxeado
Manoel Carrete, avogado de profesión e autor de cinco libros sobre os galegos na emigración, non naceu no municipio de Quiroga, pero está ligado a este porque os seus pais si son orixinarios del e porque Carrete pasa longas tempadas nesta terra e traballa na diáspora preocupándose por manter o pavillón dos galegos ben alto, así como a súa cultura”.

O homenaxeado, ademais de dirixir a segunda entidade galega máis antiga da emigración, xa que se remonta a 1892, preside o Centro galego e Casas de Galicia de Barcelona e provincia e é secretario da Federación de Entidades Galegas de Cataluña.

Comparte