Nova: Reunión da comisión de seguimento para arranxar as pallozas do Piornedo

12/11/2014

Reunión da comisión de seguimento para arranxar as pallozas do Piornedo

  • Palloza do Piornedo Palloza do Piornedo

Lugo, 12 de novembro de 2014.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, convocou para o vindeiro martes unha xuntanza da comisión de seguimento do convenio subscrito entre a Xunta e a Deputación co fin de indagar en qué punto está o proxecto de rehabilitación dos teitos das pallozas e cal será agora o plan de traballo, que tal e como establece o acordo, lle corresponde executar á Deputación.

A comisión está presidida pola propia delegada e integrada ademais por José Luis Maestro Castiñeiras, director de Competitividade de Turismo de Galicia, e José Antonio Mourelle Cillero e Ana Belén Mera como representantes da institución provincial.

Con esta reunión, a Xunta pretende “coñecer e avaliar” todo o que se leva feito con relación a este acordo entre as dúas institucións, “polo menos no que se refire ao arranxo das pallozas, para as que Turismo de Galicia ten consignado un orzamento de 100.000 euros e que xa debe abordarse con urxencia”.

O convenio asinado entre a Xunta e a Deputación busca a rehabilitación das pallozas e o desenvolvemento de actuacións de promoción turística, acometendo proxectos de saneamento e iluminación. O obxectivo é conservar un recurso turístico de primeiro orde para a zona dos Ancares, que é ademais un ben patrimonial fundamental para o concello de Cervantes e para a provincia de Lugo.

A delegada territorial lembrou que a iniciativa para impulsar unha acción conxunta partiu da Xunta de Galicia “porque dende o primeiro momento tivemos claro que debía buscarse unha solución coa implicación de todas as administracións e dos propietarios das pallozas. Esta é a liña que se debería seguir e, por suposto, levar á práctica para buscar solucións máis a longo prazo que garantan a preservación destas construcións para as xeracións futuras”, afirmou.

Arias mantivo as primeiras reunións de traballo para lograr este acordo no mes de xaneiro, entrevistándose cos veciños e co alcalde de Cervantes. En febreiro tivo lugar unha xuntanza a tres bandas, co concello e a Deputación, na Casa Consistorial de Cervantes. A principios do mes de abril, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entregou xa á Deputación o borrador do convenio.

A aceptación formal por parte da Deputación non chegou ata o verán, co cal, segundo apunta Arias, “perdeuse un tempo valiosísimo, que se tiña que ter aproveitado para facer os oportunos trámites administrativos e poder abordar as obras no verán”.

 

Comparte