Nova: Sesión formativa de Sean Philippe Dury no Centro Coreográfico Galego
12/11/2014
Sesión formativa de Sean Philippe Dury no Centro Coreográfico Galego
O director da Elephant in the Black Box Company conducirá unha práctica física na mañá do venres día 14, no marco da programación expandida TRCDanza do Teatro Rosalía Castro da Coruña e como actividade previa á súa actuación neste escenario
O encontro diríxese prioritariamente a profesionais e estudantes de danza, así como a calquera persoa interesada e con experiencia no traballo físico e de movemento
A Coruña, 12 de novembro de 2014.- O Centro Coreográfico Galego (CCG), unidade de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acollerá na mañá deste venres 14 de novembro unha sesión especial co coreógrafo francés Jean Philippe Dury, inserida no proxecto de programación expandida para o ciclo TRC Danza que está a desenvolver o Concello da Coruña a través do Teatro Rosalía Castro.
O creador e bailarín, director da Elephant in the Black Box Company e recoñecido este ano como mellor coreógrafo novo no Taglioni European Ballet Award, conducirá entre as 10.00 e as 12.00 horas unha práctica física, dirixida prioritariamente a profesionais e estudantes de danza, pero aberta tamén a calquera persoa interesada e con experiencia en artes do movemento. O CCG habilitou o correo electrónico actividades.ccg@xunta.es para a inscrición nesta actividade, de carácter gratuíto e con límite de prazas.
Abrir unha práctica física
Baixo o título ‘Abrir unha práctica física con [Jean Philippe Dury]’, este encontro celébrase na sede coruñesa do Centro Coreográfico como actividade previa á actuación da Elephant in the Black Box Company no Teatro Rosalía o mesmo venres, ás 20.30 horas. Fundada por Dury en 2012 despois de formar parte da Compañía Nacional de Danza baixo a dirección de Nacho Duato e integrada tamén por algúns dos seus compañeiros nesa etapa, esta nova formación está a obter un importante recoñecemento en toda Europa. Agora chega á Coruña co espectáculo ‘Heritage’, integrado polas pezas ‘Remansos’, do propio Duato, e ‘Mémoires Oubliées’ e ‘Cel Black Days’, de Dury.
O CCG colabora, así, cunha iniciativa que está a posibilitar o encontro con destacados creadores de todo o mundo coincidindo coa actuación das súas respectivas compañías na cidade. Ademais, esta sesión especial con Jean Philippe Dury súmase ao programa de ‘master class’ e obradoiros que a unidade de produción de danza da Consellería de Cultura e Educación está a organizar durante este outono con profesores como Carmen Roche, Alexis Fernández “Maca”, Bárbara Monteagudo, Kirenia Martínez, Armando Martén, Juan Miguel Hernández, Christelle Horna ou o mestre cubano Lázaro Carreño.