Nova: Actividades do Mes da Ciencia en galego na capital do Deza

13/11/2014

Actividades do Mes da Ciencia en galego na capital do Deza

Este ano ao matemático e físico lalinense Xosé Rodríguez González

  • Mes da Ciencia en Galego Mes da Ciencia en Galego

Lalín (Pontevedra), 13 de novembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Lalín deron a coñecer este serán, en rolda de prensa, os actos con que ambas as institucións celebrarán na capital do Deza, o próximo día 17, o Mes da Ciencia en galego.

O secretario xeral de Política Lingüística foi o encargado de explicar que se escolleu Lalín para a celebración deste ano por ser o concello de nacemento do científico galego homenaxeado con motivo do Mes da Ciencia en 2014: Xosé Rodríguez, tamén coñecido como o matemático de Bermés, en referencia á súa parroquia de orixe. Así mesmo, detallou as actividades con que se lles dará a coñecer a súa figura aos estudantes e á cidadanía de Lalín.

A canda Valentín García, interviñeron na presentación o primeiro tenente de alcalde do municipio, Román Rodríguez González, e mais a concelleira de Cultura, María Álvarez.

Actividades para pequenos e grandes
Os actos previstos para o día 17 de novembro comezarán ás once da mañá na parroquia de Bermés, ante o busto dedicado a Xosé Rodríguez, onde terá lugar unha ofrenda floral. A continuación, o alumnado do CEIP Varela Buxán terá ocasión de participar nunha actividade de dinamización lingüística e de divulgación da figura do físico e matemático homenaxeado da man de Xandobela. Xestión e Dinamización Sociocultural.

Ás doce da mañá, será o alumnado de secundaria do IES Laxeiro quen se achegue á figura do científico lalinense grazas ao profesor José Ángel Docobo, catedrático do Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago e director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, quen ditará unha conferencia sobre a vida e a obra de Xosé Rodríguez. Acompañarao e presentarao o presidente da Real Academia de Ciencias, Miguel Ángel Rodríguez.

Xa á noitiña, a xornada de divulgación abrirase a toda a cidadanía con outro relatorio sobre o matemático de Bermés que correrá a cargo do seu biógrafo, o profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza Blanco.

Ciencia en galego
Xosé Rodríguez é, a proposta da Institución Galega de Ciencia (Igaciencia), o científico galego homenaxeado con motivo do Mes da Ciencia en Galego en 2014. Esta celebración, con 5 anos de vida, xorde a partir da declaración do 10 de novembro por parte da UNESCO como Día da Ciencia e está orientada a mostrar que a lingua galega é útil para facer investigación e divulgación científica.

Os actos en Lalín en homenaxe a Xosé Rodríguez forman parte das actividades que a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación realiza con motivo do Mes da Ciencia, a canda a divulgación das iniciativas que con este motivo desenvolven os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos, o apoio á exposición Arte e ciencia que se exhibe ata o día 15 de novembro na Galería Sargadelos de Santiago ou ao concurso Inventa en galego que promove Igaciencia.

Xosé Rodríguez González
O de Bermés foi, ademais de matemático, o científico ilustrado máis destacado de Galicia e unha autoridade mundial no campo da xeodesia. Liberal preocupado pola modernización e o progreso científico de España, entre os seus méritos figura o de ser o introdutor da cristalografía neste país. Relacionouse con importantes científicos europeos do seu tempo e chegou a rexeitar a oferta do tsar Alexandre II para dirixir o Observatorio Astronómico de San Petersburgo, aínda que si ocupou o posto de director do Observatorio de Madrid. Tamén foi catedrático da Universidade de Santiago e da Universidade Central de Madrid.

Comparte