Nova: O ciclo de conferencias dedicado a Víctor Said Armesto chega á Coruña

13/11/2014

O ciclo de conferencias dedicado a Víctor Said Armesto chega á Coruña

A cidade herculina é a última parada desta programación dedicada ao intelectual pontevedrés, no ano en que se conmemora o centenario do seu pasamento

  • Imaxe de Víctor Said Armesto Imaxe de Víctor Said Armesto
  • O secretario xeral de Cultura participou hoxe na presentación da terceira sección do simposio O secretario xeral de Cultura participou hoxe na presentación da terceira sección do simposio
  • O secretario xeral de Cultura participou hoxe na presentación da terceira sección do simposio O secretario xeral de Cultura participou hoxe na presentación da terceira sección do simposio

A Coruña, 13 de novembro de 2014.- Logo do seu inicio en Pontevedra e o seu paso pola capital de Galicia, o ciclo de conferencias Víctor Said Armesto e o seu tempo (1871-1914) chega á Coruña co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no ano no que se conmemora o centenario do pasamento do intelectual. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe na inauguración da terceira e última sección do simposio, centrada na literatura, e que terá lugar ata o sábado 15 de novembro na sede da Fundación Barrié.

O director científico do simposio, Carlos Villanueva; a coordinadora sección que se desenvolve na Coruña, Margarita Santos; e o director de Cultura e Patrimonio da Fundación Barrié, Enrique Fernández, participaron tamén no acto de apertura, durante o que Anxo Lorenzo destacou o interese do simposio a prol da recuperación da figura e das diversas facetas de Said Armesto.

“O seu papel como promotor da Real Academia Galega ou a súa condición de primeiro catedrático en España de literatura galego-portuguesa, xunto co seu manifesto galeguismo, unido a unha vocación decidida por participar das correntes innovadoras que circulaban na Europa do seu tempo, lévannos a un intelectual de amplo pulo, que hoxe, pasado o primeiro século desde a súa desaparición, segue a nos amosar camiños para comprendermos mellor a nosa identidade cultural”, dixo Anxo Lorenzo.

A literatura e o mundo literario do seu tempo
O seu labor como ensaísta, historiador e crítico literario, así como o universo literario do seu tempo centran as tres xornadas que se desenvolverán ata o sábado na Coruña e que deron comezo esta mañá co relatorio ‘Said Armesto e Murguía’, a cargo de Xesús Alonso Montero. Belén Bouzas, Elena Veiga, José Manuel González Herrán, Rosario Mascato e Arturo Casas, entre outros, tamén participan neste simposio, que inclúe a proxección do documental ‘Víctor Said Armesto’, o resplandor efémero, de J. A. Durán.

Estas tres xornadas dedica á literatura danlles continuidade ás dúas primeiras seccións do simposio, celebradas en Pontevedra e en Santiago de Compostela, e dedicadas ás facetas ideolóxica, musical e etnográfica de Said Armesto.

Said Armesto
Xornalista, literato, filósofo e grande orador, Víctor Said Armesto (Pontevedra, 1871- Madrid, 1914) foi o primeiro catedrático de literatura galego-portuguesa na universidade española. Precursor dos movementos galeguistas nas primeiras décadas do século XX, foi elixido entre os primeiros intelectuais que formaron parte da Real Academia Galega.

Co obxectivo de afondar no coñecemento e divulgación da súa vida e obra, a Consellería de Cultura e Educación colabora coas principais iniciativas que conmemoran este ano o centenario do seu pasamento, entre as que destacan, xunto con este simposio, a publicación Víctor Said Armesto. una vida de romance, do profesor Carlos Villanueva, coeditada pola Xunta de Galicia e o Consorcio de Santiago de Compostela.
 

Comparte