Nova: Homenaxe aos últimos 25 anos do audiovisual galego cunha exposición, proxeccións e un documental

14/11/2014

Homenaxe aos últimos 25 anos do audiovisual galego cunha exposición, proxeccións e un documental

Conmemórase un cuarto de século histórico para o cinema galego a partir da estrea en novembro de 1989 dos filmes ‘Sempre Xonxa’, ‘Continental’ e ‘Urxa’

O Goberno galego comparte esta celebración coa cidadanía a través dunha mostra no Museo Centro Gaiás, 34 sesións cinematográficas no CGAI e a realización dun documental en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e a TVG
 
  • Homenaxe aos últimos 25 anos do audiovisual galego Homenaxe aos últimos 25 anos do audiovisual galego
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe a programación especial ‘CineGalicia 25’ O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe a programación especial ‘CineGalicia 25’

Santiago, 14 de novembro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe a programación especial ‘CineGalicia 25’, coa que a Xunta de Galicia comparte coa cidadanía a conmemoración do vixésimo quinto aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes galegas, ‘Sempre Xonxa’, ‘Continental’ e ‘Urxa’, que tivo lugar en novembro de 1989 no marco do encontro CineGalicia celebrado en Vigo.

Para festexar esta efeméride, que –en palabras do conselleiro– sinala o “arranque cara a unha cinematografía galega propia”, Cultura e Educación organiza unha exposición conmemorativa, que será inaugurada o venres 21 e se abrirá ao público desde o sábado 22 de novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, e un amplo ciclo de proxeccións no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) a partir do martes 25, ademais de colaborar coa Academia Galega do Audiovisual e a Televisión de Galicia na realización do documental ‘Cine en Galicia: 25 anos despois’.

A directora da TVG, Rosa Vilas; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos; a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura de Galicia, María Pereira, e o comisario da exposición, Miguel Anxo Fernández, acompañaron a Vázquez Abad nesta presentación, na que o titular de Cultura e Educación fixo un percorrido polos principais logros neste medio século histórico para o sector audiovisual galego como parte dun proceso de profesionalización e consolidación, no que, así mesmo, resultou fundamental o apoio da Xunta e da Televisión autonómica.

Tributo e posta en valor
A través do conxunto de actividades que promove agora a Consellería de Cultura e Educación, réndese tributo aos artífices daquel momento fundacional para o cine galego contemporáneo, ao tempo que se pon en valor o camiño percorrido desde entón. Así, como explicou o conselleiro, a exposición ‘CineGalicia 25’, que poderá verse no Museo Centro Gaias ata o 8 de febreiro de 2015, convida a unha viaxe por esta traxectoria poñendo de relevo o significado do cinema feito en Galicia como “expresión do imaxinario colectivo do país”.

A mostra estrutúrase en seis seccións (‘Cine galego’, ‘...25 pezas máis’, ‘Rodado en Galicia’, ‘Ficcións televisivas’, ‘Cine de papel’ e ‘Entornos’), a través das que se poderán admirar ferramentas de traballo (guións, ‘storyboards’, deseños), materiais promocionais como carteis, ‘press books’ ou fotografías, proxeccións en distintos soportes e formatos, libros, folletos, revistas e mesmo obxectos vinculados a moitos dos filmes. E o caso da bicicleta voadora de ‘Sempre Xonxa’, o neón de ‘Continental’ ou o menhir de ‘Urxa’, entre outras pezas.

Organizada pola Fundación Cidade da Cultura en colaboración coa TVG, o CGAI, a Academia Galega do Audiovisual, o Clúster Audiovisual Galego, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA), esta exposición complementarase cunha serie de actividades paralelas, entre as que sobresaen os obradoiros para escolares e as visitas guiadas para familias.

Programación do Centro Galego de Artes da Imaxe
En canto á programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI/Filmoteca de Galicia), cuxa inauguración en 1991 sinala tamén un dos grandes momentos do noso cinema, a sala de proxeccións da súa sede da Coruña acollerá do 25 de novembro ao 20 de decembro un total de 34 sesións cinematográficas baixo o título ‘CineGalicia 25. Que é o cine (galego)’.

Co obxectivo de ofrecerlles aos espectadores unha escolma representativa deste período 1989-2014, o CGAI encomendoulle a oito recoñecidos profesionais do sector a selección de 50 títulos atendendo a unha serie de criterios historiográficos e procurando a maior representatividade e diversidade industrial, de xénero, temática e autoral. Este ciclo, que se completa con tres sesións reservadas aos pioneiros (producións previas dos anos setenta e oitenta), ofrecerá unha síntese en imaxes deste cuarto de século a través de curtas, longametraxes, animación e documentais, para o que tamén se contará coa participación nestas sesións de moitos dos directores das fitas que se exhiben.

Memoria dun aniversario histórico
A estas dúas iniciativas sumarase a realización do documental ‘Cine en Galicia: 25 anos despois’, que está a producir a Academia Galega do Audiovisual en colaboración coa Agadic e a TVG. Con Manuel Abad na dirección, Ángel de la Cruz a cargo do guión, Antonio Mourelos na produción executiva e María Liaño na dirección de produción, este proxecto xurde co obxectivo de que a memoria deste vixésimo quinto aniversario perdure no tempo.

O fío condutor da fita é unha conversa entre Xavier Villaverde, director de ‘Continental’; Carlos A. López Piñeiro, codirector de ‘Urxa’ xunto a Alfredo G. Pinal; e Uxía Blanco, actriz principal de ‘Sempre Xonxa’, película dirixida por Chano Piñeiro. A partir deste eixo, recuperaranse fragmentos e secuencias dos tres filmes, que se entrelazarán igualmente cun percorrido por estes 25 anos de cine galego. Contarase para tal fin coas intervencións de destacadas figuras do audiovisual e da cultura galega en xeral, que nos achegarán a súa visión do pasado, presente e futuro cinematográfico de Galicia.

Comparte