Nova: Preestrea en Galicia da película As altas presións, de Ángel Santos

14/11/2014

Preestrea en Galicia da película As altas presións, de Ángel Santos

O filme producido por Matriuska S.L. cofinanciouse a través das axudas a longametraxes da Agadic en 2012, dentro da categoría destinada a óperas primas

A fita, que realizou a súa presentación oficial no pasado Festival de Cine Europeo de Sevilla, proxectouse hoxe por primeira vez na nosa Comunidade no marco do Festival Cineuropa de Santiago de Compostela

Compoñen o elenco os actores Andrés Gertrúdix, Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Blanco, Marta Pazos, Hugo Torres, Xavier Deive, Iván Marcos e Fernando Epelde
 

  • As altas presións As altas presións

Santiago, 14 de novembro de 2014.- Preestrenouse hoxe As altas presións, película da produtora galega Matriuska S.L. con dirección de Ángel Santos, que se exhibiu por vez primeira en Galicia como parte da carteleira da sección oficial do festival Cineuropa que se está a desenvolver en Compostela.

O filme contou para o seu financiamento con 260.000 euros procedentes da adxudicación en 2012 da convocatoria da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) de axudas á produción de longametraxes cinematográficas en lingua galega con decidido contido artístico e cultural, dentro da categoría concreta destinada a óperas primas.

Como representante de Cultura e Educación, o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiu esta tarde á primeira proxección pública de ‘As altas presións’ na nosa Comunidade, onde compartiu a preestrea cos espectadores asistentes, co elenco interpretativo e demais membros do equipo do filme.

Drama a xeito de ‘road-movie’
As altas presións, que se presentou oficialmente o pasado luns 10 de novembro no Festival de Cine Europeo de Sevilla, é a produción máis ambiciosa ata a data de hoxe de Matriuska, que asume a segunda longa de Ángel Santos como director. Trátase dun drama narrado a xeito de ‘road-movie’ atípica, que conta coa interpretación de Andrés Gertrúdix, Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Blanco, Marta Pazos, Hugo Torres, Xavier Deive, Iván Marcos e Fernando Epelde.

Como fío argumental, o personaxe principal (Miguel) viaxa á súa cidade natal co encargo de rexistrar as localizacións para unha película. Tratará de levar a termo o seu traballo, aínda que case sempre prefira gravar os paisanos cos que se atopa, os movementos e os rostros dos seus amigos, os trens pasando ou o mar. A súa viaxe ofreceralle unha nova perspectiva sobre a súa situación e tamén a posibilidade dun novo amor.

Comparte