Nova: As adegas Arco da Vella e Terra do Asorey gañan os Premios Bacelos de Prata
15/11/2014
As adegas Arco da Vella e Terra do Asorey gañan os Premios Bacelos de Prata
Os adegueiros galardoados son o expoñente dun compromiso patente coa lingua e coa empresa en Galicia
Ribadavia, 15 de novembro de 2014.- Os décimos Premios Bacelos de Prata recaeron nesta edición nas adegas Arco da Vella,da zona do Ribeiro, e Terra de Asorei, do Salnés, nun acto que tivo lugar no Pazo dos Ulloa, en Ribadavia, e que tamén contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Na súa intervención, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, subliñou que os adegueiros galardoados nesta edición representan “un compromiso patente coa lingua e coa empresa en Galicia”. O conselleiro loou que un sector empresarial tan relevante na nosa comunidade como é o vitivinícola decidira, hai uns anos, lanzar os seus produtos ao mercado etiquetados en galego. “E grazas a esa iniciativa empresarial que seguiron un non pequeno número de empresas do sector –explicou–, o galego está presente nas mesas de fogares e restaurantes de medio mundo”.
Para o conselleiro, este tipo de decisións empresariais demostran que a lingua galega “lonxe de ser un atranco para a actividade comercial, constitúe un valor engadido para as empresas que deciden incorporala á súa estratexia de vendas”. “De feito –afirmou– en Galicia a lingua é un factor non carente de importancia para os consumidores á hora de decidírense por un ou outro produto dispoñible no mercado”.
A este respecto Xesús Vázquez Abad asegurou que, xunto coa calidade e autenticidade dos produtos que se ofrecen, a lingua estase a presentar como “un elemento máis que ratifica a denominación de orixe”.
O conselleiro expresoulle os parabéns aos galardoados así como a súa gratitude por actuar con “responsabilidade social” respecto ao territorio do que forman parte, por crear riqueza partindo dunha tradición secular vitivinícola e por considerar que “a lingua propia de Galicia debe e pode ser vehículo para o negocio e peza importante no proceso de pasarmos con éxito da tradición á modernidade”, concluíu.