Nova: Sesión informativa no Gaiás sobre as axudas do programa europeo MEDIA para produtores independentes

17/11/2014

Sesión informativa no Gaiás sobre as axudas do programa europeo MEDIA para produtores independentes

A Agadic e a Oficina MEDIA España organizan esta xornada, que terá lugar na Biblioteca da Cidade da Cultura no marco de Galicia Profilme, o ciclo formativo dedicado a profesionais do audiovisual galego

Trataranse contidos como as subvencións europeas para desenvolvemento audiovisual, acceso ao mercado, programación televisiva e ‘Media Literacy’

A asistencia, que é gratuíta previa confirmación de asistencia, posibilitará reunións individuais para a consulta de casos concretos
 

  • Sesión informativa das axudas do programa europeo MEDIA para produtores independentes Sesión informativa das axudas do programa europeo MEDIA para produtores independentes

Santiago, 17 de novembro de 2014.- A Cidade da Cultura de Galicia acollerá unha nova entrega de Galicia ProFilme, o ciclo de formación continua para profesionais do audiovisual que organiza a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), dedicado nesta ocasión ás axudas para produtores independentes que convoca o programa MEDIA da Unión Europea.

A sesión, que comezará ás 10:45 horas no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, no Gaiás, e contará coa presenza de Peter Antermatt, director da Oficina MEDIA España, abrirase cunha panorámica do programa MEDIA como apartado de Europa Creativa, o novo epígrafe que agrupará ata 2020 as subvencións europeas para todo o ámbito cultural. Discorrerán a continuación tres intervencións centradas, respectivamente, nas axudas a desenvolvemento e acceso ao mercado audiovisual, nas axudas de programación e distribución televisiva; e no crecemento de audiencias e ‘Media Literacy’, o plan de alfabetización e educación audiovisual.

A última parte do encontro, a partir das 15:00 horas, dedicarase a que os profesionais galegos inscritos poidan levar a cabo reunións individuais nas que consultar casos concretos. A asistencia á xornada é gratuíta, previa confirmación a través do correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.es.

Esta é a terceira convocatoria formativa que se organiza este ano no marco de Galicia ProFilme, despois das realizadas os pasados 2 de outubro sobre ‘marketing online’ para a promoción do audiovisual e 22 de outubro a propósito de técnicas de ‘pitching’ para guionistas.
 

Comparte