Nova: A Laracha acolle a exposición Nimbos de luz
20/11/2014
A Laracha acolle a exposición Nimbos de luz
A mostra, que completará o seu percorrido por case unha vintena de concellos a final de ano, pódese visitar no Edificio de Servizos Múltiples ata o 30 deste mes
A Laracha (A Coruña), 20 de novembro de 2014.- O concello coruñés da Laracha acolle a exposición ‘Nimbos de luz’, coa que a Xunta de Galicia homenaxea a Xosé María Díaz Castro no ano en que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica as Letras Galegas. Por medio de 14 paneis con texto e imaxes, e mais dun documental, a mostra afonda no autor guitiricense, para dar a coñecer entre a cidadanía a súa vida e a súa obra. O proxecto expositivo compleméntase coa proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, e compleméntase con folletos ilustrativos nos que se reflicte o contido da mostra.
Os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, acompañados polos tres comisarios da mostra e biógrafos de Díaz Castro, Luís G. Tosar, Alfonso Blanco e Armando Requeixo, inaugurárona hoxe no Edificio de Servizos Múltiples larachés, nun acto no que tamén participaron o rexedor municipal, José Manuel Varela López, e outros membros da corporación. Poderá visitarse alí ata o día 30 de novembro.
Percorrido por toda Galicia
Logo do seu paso por Guitiriz, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Estrada, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo, A Coruña, Lugo, Ourense, A Rúa e Lalín a mostra pódese visitar ata o 30 de novembro de martes a domingo en horario de 11:00-13:00 horas e de 15:30 a 20:00 horas.
No seu percorrido polas catro provincias galegas ao longo deste ano, que comezou en Guitiriz, terra natal do poeta, o pasado 19 de febreiro, coincidindo co centenario do seu nacemento, a exposición completará a súa itinerancia a finais de ano con outras dúas paradas en Cee, onde se poderá visitar no IES Fernando Blanco do 1 ao 14 de decembro e mais na Casa dos Poetas de Celanova, onde dará por concluído o seu percorrido por un total de 17 puntos da xeografía galega.
Con motivo da celebración das Letras Galegas 2014, a Xunta de Galicia promoveu un completo programa de actividades para contribuír a dar a coñecer entre a cidadanía a figura e a obra de Díaz Castro, así como para poñer en valor o seu legado literario. A exposición ‘Nimbos de luz’ é unha das iniciativas centrais desta programación, no que tamén se inclúen distintas edicións conmemorativas, estudos críticos, traducións e versións bilingües ao éuscaro, inglés e ruso, materiais audiovisuais, unha web monográfica, así como actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Díaz Castro nas bibliotecas de Galicia.
Máis información acerca das actividades conmemorativas das Letras Galegas 2014 impulsadas pola Xunta de Galicia en xunta.es/linguagalega e en cultura.xunta.es.