Nova: Novos espazos temáticos e sectores culturais no Culturgal 2014

21/11/2014

Novos espazos temáticos e sectores culturais no Culturgal 2014

Arte contemporánea, deseño e artesanía, así como a integración no programa da gastronomía e do Espazo Bebés, atópanse entre as novidades deste ano

A programación inclúe máis de 130 actividades e conta coa participación de 70 empresas, asociacións profesionais e entidades públicas

  • Culturgal 2014 Culturgal 2014

Pontevedra, 21 de novembro de 2014.- A nova programación de Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais que desenvolverá a súa sétima edición do 5 ao 7 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra presentouse hoxe. Con máis de 130 actividades e 64 expositores de 70 empresas, asociacións e entidades públicas, o encontro ábrese este ano a sectores como a arte contemporánea, o deseño e a artesanía, ademais de incorporar a ‘gastrocultura’ e unha programación especial para bebés aos seus xa habituais espazos dedicados ao cinema, ao libro, á escena, á música, ás novas tecnoloxías ou aos contidos infantís.

O conselleiro salientou, precisamente, a inclusión destes ámbitos creativos relacionados coa cultura como unha das principais novidades do programa deste ano, a través do que Culturgal reforza o labor de divulgación social das industrias culturais galegas e da súa relevancia “tanto polo seu peso simbólico na construción, conservación e difusión do noso acervo cultural, como polo seu valor material, medible social e economicamente”, afirmou.

Apoio estable
Este encontro organizado pola Asociación Culturgal, integrada por diferentes colectivos profesionais vinculados ás industrias culturais e creativas en Galicia, conta desde os seus inicios coa colaboración económica da Consellería de Cultura e Educación como unha das súas principais entidades patrocinadoras. En palabras de Vázquez Abad, o apoio estable á feira enmárcase na política de fomento das industrias culturais que está a desenvolver o seu departamento a través de diferentes iniciativas, entre as que mencionou o programa anual de subvencións da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), as misións comerciais a prol da internacionalización da nosa cultura e a promoción de plataformas para favorecer o negocio cultural, como a mostra Galicia Escena Pro, as feiras do libro e os distintos festivais que se celebran por toda Galicia.

O conselleiro lembrou, neste sentido, que Cultura e Educación acaba de anunciar a próxima posta en marcha da Tarxeta-Bono Cultura Galega, unha “iniciativa sen precedentes” destinada ao impulso directo do consumo cultural nunha franxa de idade entre os 18 e os 30 anos. “Segundo as nosas estimacións, esta Tarxeta-Bono –cun prezo de 50 euros, dos que o usuario achegará 33 e a Xunta de Galicia 17– permitirá mobilizar máis de 300.000 euros na compra-venda de produtos nos ámbitos do libro e da escena”.

Na presentación deste Culturgal 2014, Xesús Vázquez Abad compartiu mesa con Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; Manuel Bragado, presidente da Asociación Culturgal; e Xosé Aldea, director da feira. Asistiron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director da Agadic, Jacobo Sutil, así como representantes das asociacións que integran Culturgal.

Novos horizontes e sectores
Ademais, tanto na listaxe de expositores como no programa de actividades, Culturgal 2014 aposta por ampliar horizontes e chegar a novos sectores, entre os que as artes plásticas ocupan un lugar destacado. De feito, durante os tres días do encontro, poderá visitarse na sala de exposicións do Pazo da Cultura a mostra ‘Do papel ao xesto. Libros de artistas e outras diverxencias’, coa participación de máis de 50 artistas. Paula Cabaleiro e Antón Sobral son os comisarios desta mostra, patrocinada pola Deputación de Pontevedra.

A gastronomía como parte da cultura tamén se incorpora este ano a través de propostas literarias, musicais e escénicas relacionadas co mundo da cociña. Entre as propostas deste apartado atopamos, por exemplo, un debate sobre o futuro das feiras gastronómicas, un foro sobre cervexas artesanais, ceas temáticas, poesía gastronómica e a actuación do cociñeiro Pepe Solla nunha das súas facetas menos coñecidas, a de guitarrista e cantante.

Espazo Bebés
En canto á programación infantil e xuvenil, cun gran protagonismo nas anteriores edicións de Culturgal, este ano amplíase cun espazo específico para desenvolver unha programación dirixida aos bebés (de 0 a 3 anos), ademais de habilitar zonas especiais para facilitarlles ás familias a atención dos seus pequenos.

Nesta sétima edición sobresae igualmente a actuación que na noite do sábado 6 reunirá sobre o escenario a Caxade, un dos grupos revelación da actual panorama musical galego, coa Banda de Música de Bandeira na que será a presentación en sociedade dun proxecto que conta coa produción de Sinsalaudio.

A Xunta de Galicia, a través de Cultura e Educación, volverá contar cun espazo propio no recinto feiral de Culturgal, polo que na edición de 2013 pasaron máis de 14.000 persoas. Desde este amplo ‘stand’ difundiranse as iniciativas desenvolvidas polos diferentes departamentos da Consellería a prol da cultura e da lingua galegas en ámbitos como os da escena, a música, o audiovisual ou o libro, entre outros.

Comparte