Nova: Un documental de danza e unha performance, as propostas desta semana do CGAC

25/11/2014

Un documental de danza e unha performance, as propostas desta semana do CGAC

A proxección celebrarase hoxe, mentres que o xoves 27, en colaboración coa galería About Art, desenvolverase a performance Kage where K for Kott

  • Five days to dance Five days to dance
  • Imaxe da performance Kage where K for Kottb Imaxe da performance Kage where K for Kottb

Santiago, 25 de novembro de 2014.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) proxecta hoxe ás 20,30 horas a peza Five days to dance, nunha nova sesión de O Documental do mes, unha iniciativa da produtora Parallel 40 que ten como obxectivo achegar o xénero documental ao maior número de espectadores posibles e incrementar a presenza do documental europeo nas pantallas cinematográficas. Así mesmo, o centro acollerá este xoves a presentación dunha performance do artista grego Filippos Tsitsopoulos, un artista multidisciplinar cuxas propostas toman forma de instalación, vídeo-teatro e media art. Ambas as dúas actividades serán de balde.

Five days to dance, que poderá verse en versión orixinal subtitulada no auditorio do CGAC, conta a historia dun grande reto: mover as persoas cando o mundo nos paraliza. Unha parella de bailaríns - Wilfried Van Poppel e Amaya Lubeigt - aparece unha mañá na aula dun instituto e anuncia a un grupo de adolescentes que teñen cinco días para subirse a un escenario e bailar.. A danza obriga a estes mozos a romper os seus esquemas xusto no momento das súas vidas no que os roles sociais se están a forxar.

O xoves 27 de novembro ás 19.00 h será a quenda de Filippos Tsitsopoulos, que presentará a súa peza Kage where K for Kott , unha performance en colaboración coa galería About Art de Pontevedra que acolle agora unha exposición do artista.

Este traballo enmárcase nun proxecto que inclúe unha serie de performances en vivo filmadas en espazos públicos, así como monólogos e reflexións baseadas en dous libros do teórico do teatro Jan Kott. Nelas, Tsitsopoulos, que conviviu co teatro desde neno, emprega fragmentos de libros de Kott como textos teatrais para reconstruír a vida imaxinaria do autor en Londres. A través da acción de Filippos Tsitsopoulos, Jan Kott volve visitar os lugares dun teatro interior de toda unha vida chea de actuacións e vendo arte no tempo físico que transcorre nun día. Kafka e o seu relato ‘Unha gaiola foi na procura dun paxaro’, amplamente explicado nos ensaios de reflexión teatral de Kott, converteuse no proxecto performativo Kage- where K for Kott que o artista levou xa a máis de sesenta localizacións, teatros e institucións londinienses.

Tsitsopoulos (Atenas, 1967) traballou no campo da instalación teatral interactiva, explorando os límites da performance, así como na pintura desde 1990. A súa práctica involucra o espectador/participante nun novo teatro ou ben nun sistema que busca incluír o teatro como un catalizador da nosa vida diaria. Na súa obra aplícalles, ademais, ás artes visuais conceptos que pertencen ao teatro, tanto tradicional como contemporáneo, observando os efectos que estes poden producir na imaxe segundo o seu comportamento plástico. Desde 2005 Tsitsopoulos é tamén un dos colaboradores externos do Departamento de Educación do Museo do Prado, ondee nsinaDebuxo e Estética da Arte centrándose no tema da ironía, sobre o que investigou durante os seus estudos de doutoramento en Madrid.

Comparte