Nova: A Xunta adxudica a restauración das pinturas de San Xiao de Lobios en Sober por preto de 70.000 euros

23/06/2020

A Xunta adxudica a restauración das pinturas de San Xiao de Lobios en Sober por preto de 70.000 euros

A intervención terá un prazo de execución de seis meses, corrixirá as afeccións na policromía mural e rematará coa reintegración cromática dunha serie de pinturas nas que destaca o tema do Xuízo final

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia investirá preto de 70.000 euros na restauración da pintura mural da nave principal (muro norte, fragmentos do muro sur e arco triunfal) da igrexa de San Xiao de Lobios, en Sober (Lugo). A Consellería de Cultura e Turismo adxudicou hoxe este servizo que ten un prazo de seis meses para a execución da obra.

As necesidades que se pretenden cubrir con esta restauración son a reparación das afeccións na policromía mural causadas por causas antropoxénicas e deficiencias arquitectónicas mantidas no tempo. Neste sentido, entre os danos máis significativos cómpre destacar as colonizacións biolóxicas; a presenza de ocos entre o morteiro e o muro; desencalados parciais e perdas de policromía, así como as minguas na adhesión da capa de cor.

Para solucionar estes problemas está previsto acometer a desmontaxe do retablo do muro norte, dedicado a San Antonio de Padua, co obxecto de facilitar o acceso ao conxunto mural; eliminar os morteiros alleos á obra; protexer as zonas con perigo de desprendemento; realizar unha limpeza da superficie de paramento; aplicar tratamentos contra o biodeterioro; consolidar o soporte; fixar os estratos polícromos; realizar unha reposición de morteiros, polícromos e non polícromos e, finalmente, acometer a reintegración cromática.

Esta igrexa parroquial é un exemplar do románico rural do século XIII na súa transición ao estilo oxival. As pinturas existentes pertencen ao século XVI e distribúense en viñetas delimitadas pola decoración arquitectónica. Nestas destacan os temas escatolóxicos coas subseguintes referencias ao Xuízo final.

 

Comparte