Nova: Nadal no Gaiás ofrece un mes de música, teatro e obradoiros para toda a familia

26/11/2014

Nadal no Gaiás ofrece un mes de música, teatro e obradoiros para toda a familia

O Museo da Cidade da Cultura celebra o Nadal do 6 de decembro ao 4 de xaneiro cun programa que inclúe o espectáculo Rolf & Flor no Círculo Polar dos Pinker Tones, a obra de teatro Al tun tun e o concerto solidario Cancións por regalos

Cinco obradoiros que combinan tradición e novas tecnoloxías espertarán a imaxinación de grandes e pequenos que tamén coñecerán o cine galego por dentro, a través das visitas lúdicas a Cinegalicia25

  • Imaxe dos Pinker Tones Imaxe dos Pinker Tones
  • Imaxe da obra de teatro ‘Al tun tun’ Imaxe da obra de teatro ‘Al tun tun’
  • Imaxe da banda Mastretta Imaxe da banda Mastretta

Santiago, 26 de novembro de 2014.- Do 6 de decembro ao 4 de xaneiro ponse en marcha unha programación de Nadal pensada para gozar en familia no alto do Gaiás, en cuxo Museo celebrará espectáculos musicais, funcións teatrais, obradoiros imaxinativos, concursos creativos, visitas didácticas e concertos solidarios.

‘Nadal no Gaiás’ arranca o vindeiro sábado, 6 de decembro, co obradoiro A árbore das ilusións co que o Concello de Santiago busca implicar a toda á cidadanía na construción dunha árbore de Nadal que recolla as ilusións e desexos dos veciños de Compostela. A partir das 16:30 horas e con entrada libre e de balde, todos estamos convidados a converter refugallos como cd’s, plásticos, corda, lá, tea ou lazos en fermosos adobíos para a árbore de Nadal que lucirá na Praza Roxa.

Tras este inicio temperán, a Cidade da Cultura contará do 21 de decembro ao 4 de xaneiro cunha programación case diaria pensada para espertar a imaxinación e a creatividade dos máis pequenos e posibilitar que compartan estas datas cos adultos.

Ao son dos Pinker Tones
O primeiro grande espectáculo do Nadal virá da man dunha das bandas de música electrónica máis recoñecidas internacionalmente: os cataláns The Pinker Tones. Coa súa música viaxaremos da man de Rolf & Flor ao Círculo Polar nun espectáculo cheo de aventuras con estes dous personaxes que, tras coñecerse no Caribe, reencóntrase agora en latitudes máis frías para ver baleas, deslizarse en trineo e marabillarse coa aurora boreal.

Tras o seu paso por festivais como SónarKids, Animac ou Minimúsica; Míster Furia (voz, harmónica, melódica, kazoo e ukelele), Profesor Manso (percusión, glockenspiel e voz) e DJ niño (guitarra e voz) chegarán ao Gaiás o 21 de decembro a partir das 18 horas con este espectáculo acústico para toda a familia. As entradas xa están á venda no Punto On e www.servinova.com a un prezo 6 euros (máis gastos de xestión en servinova).

Humor surrealista para divertirse en familia
Un escenario, tres comediantes e un mundo onde todo é posible. Esta é oferta da Cidade da Cultura para as 18 horas do sábado 27 de decembro con ‘Al tun tun’, unha obra de teatro de Teatre Móbile chea de humor exquisito, absurdo e cun surrealismo delicioso que deixará a máis dun coa boca aberta. Pensado para todos os públicos, as entradas xa están á venda a un prezo de 8 euros na Zona A e de 6 euros na Zona B en www.servinova.com (+gastos de xestión) e no Punto On da Cidade da Cultura.

Obradoiros tradicionais e tecnolóxicos
Grandes e pequenos poderán traballar man a man en catro obradoiros nos que combinar tradición e novas tecnoloxías, con grandes doses de imaxinación e diversión asegurada. O 22 de decembro, nenos a partir de 6 anos e adultos están convidados polo músico Germán Díaz a Darlle a manivela polo Nadal e compoñer unha melodía que fará saír da súa zanfona.

Ao día seguinte, o 23 de decembro, será momento para o xogo. Da man de Edith Cotilla Quintela e Gustavo Couto Rodríguez, grandes e pequenos a partir de seis anos descubrirán unha chea de xogos cos que introducirnos no baile tradicional por medio de pasos e figuras sinxelas para rematar nunha sesión de xogo-baile colectivo na que gozar en familia.

O 29 de decembro será unha cita co sétimo arte a través do obradoiro Cine de plastilina. Coincidindo co 25 aniversario de Sempre Xonxa, a xa mítica película de Chano Piñeiro e pioneira do cinema galego, os participantes –a partir de 9 anos- modelarán en plastilina e darán vida aos seus personaxes para crear unha película en stop motion.

O último dos obradoiros que a Cidade da Cultura ten preparado para este Nadal terá lugar o 30 de decembro, cando nenos a partir de 6 anos están chamados a realizar o seu videoclip do 2014.

Todos os obradoiros comezarán ás 16:30 horas e, a excepción de A árbore das ilusións que é de balde, teñen un custo de 3 euros. As entradas xa están á venda en www.servinova.com (+gastos de xestión) e no Punto On da Cidade da Cultura.

Concerto solidario
E como todos os anos, a música e a solidariedade estarán presentes no Museo Centro Gaiás o 3 de xaneiro cunha nova edición de Cancións por regalos, unha iniciativa redonda na que, como sempre, todos gañan: o espectador leva para casa unhas cantas cancións para o recordo e os nenos que máis o precisen terán unha sorpresa o Día de Reis, o regalo que se elixa para trocar por una entrada.

O Cancións por Regalos deste ano estará protagonizado por un músico excepcional: Nacho Mastretta. Acompañado dunha divertida banda (Marina Sorin, violonchelo e phonoviolín, Pablo Novoa á guitarra e Coke Santos á percusión), Mastretta convida a pais e fillos a gozar da música a través de xogos nos que converterse en intérpretes, directores de orquestra ou bailaríns.

Visitas familiares a Cinegalicia25
O Nadal do Gaiás deste ano complétase con outras dúas iniciativas: visitas en familia coas que gozar do cine galego e un concurso de postais para os máis pequenos da casa.

Gaiás, cámaras, acción! presentará a exposición Cinegalicia25 dunha outra forma. Nenos e pais descubrirán como cobran vida os seus debuxo favoritos, como se fai unha película ou que segredos se agochan tras as cámaras nunha visita cargada de sorpresas. As visitas familiares a Cinegalicia25 terá lugar o 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28 de decembro e o 3 e 4 de xaneiro. Os sábados ás 17:00 horas e os domingos ás 11:30 e 17:00 horas. A entrada é de balde mais é preciso preserva previa en www.cidadedacultura.org.

Concurso de postais
Os máis pequenos tamén teñen o seu oco nesta programación que, un ano máis, inclúe un concurso de postais co que imaxinar o seu propio Nadal no Gaiás. Destinado a nenos de 0 a 9 anos, participar é moi sinxelo: só hai que coller a plantilla, decorala e enviala por correo postal, correo electrónico (online@cidadedacultura.org) ou depositala no buzón do Museo Centro Gaiás antes do 19 de decembro. As seis máis orixinais recibirán un agasallo e unha entrada dobre para o espectáculo Al tun tun.

 

Comparte