Nova: A compañía Chévere gaña o Premio Nacional de Teatro 2014
26/11/2014
A compañía Chévere gaña o Premio Nacional de Teatro 2014
O Ministerio de Cultura fixo público hoxe o galardón que distingue a traxectoria do grupo artífice de espectáculos como Citizen ou Eurozone
Santiago, 26 de novembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria súmase ao recoñecemento que vén de outorgar o Ministerio de Cultura, Educación e Deporte do Goberno de España ao conceder á compañía teatral galega Chévere o Premio Nacional de Teatro 2014. O conselleiro Xesús Vázquez Abad transmitiu esta tarde os seus parabéns aos representantes do grupo artífice nos últimos anos de espectáculos como Citizen ou Eurozone, o mítico Río Bravo fundacional en 1991, así como doutras iniciativas de relevancia para a difusión das artes escénicas.
O departamento que dirixe Vázquez Abad considera que este premio, é un verdadeiro recoñecemento ao teatro galego que se concreta na distinción ao labor a prol do ámbito escénico en todo o territorio español, dunha compañía galega de amplísima traxectoria, ligada desde os seus comezos ao propio devir da escena profesional de Galicia como manifestación artística determinante para existencia dun teatro galego propio, expresado en idioma galego e con proxección fóra das nosas fronteiras.
Calidade creativa do teatro galego
Neste sentido, Cultura e Educación sitúa tamén este recoñecemento no marco da calidade creativa do teatro galego dos últimos anos, á que desde a Consellería se contribúe a través das subvencións anuais á actividade escénica. Dentro desta liña de fomento ao sector adxudicouse no presente ano 2014 un total de 600.000 euros, cifra que representa un incremento do 17,6 por cento de dotación respecto ao exercicio anterior de 2013. A resolución destas axudas está a posibilitar a posta en escena dun total de 26 novos espectáculos de distintos xéneros, estilos e formatos doutras tantas compañías galegas, beneficiarias dalgunha das catro categorías estipuladas (unha delas dirixida especificamente á nova creación escénica e as outras tres diferenciadas segundo o tamaño dos elencos interpretativos).
Esta liña de apoio á produción escénica galega forma parte do programa xeral de subvencións ás industrias culturais que mantén a Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e que, para o caso concreto da dinamización teatral, se completa con outras convocatorias centradas na distribución de espectáculos, no funcionamento de salas privadas de exhibición, na celebración de festivais e na actividade asociativa profesional.
O novo proxecto de Chévere, As fillas bravas, obtivo unha das axudas á actividade escénica en 2014, dentro da modalidade de pequeno formato. Durante os últimos anos a Consellería apoiou os proxectos de Chévere Producións a través de subvencións como as destinadas á representación de Viaxe ao país dos ananos (50.000 euros en 2013), á filmación do documental audiovisual 1.001 Ultranoites (19.671 euros tamén en 2013) ou á escenificación de Eurozone (52.925,60 euros en 2012). Este último espectáculo levou a cabo 23 funcións (dúas en idioma galego) do 30 de outubro ao 24 de novembro de 2013 no Teatro Valle-Inclán de Madrid dentro da programación de temporada do Centro Dramático Nacional (CDN), acción para a que contou tamén coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación.