Nova: A Xunta licita por preto de 420.000€ as obras de conservación na igrexa, claustro e áreas de visita pública no Colexio do Cardeal
08/07/2020
A Xunta licita por preto de 420.000€ as obras de conservación na igrexa, claustro e áreas de visita pública no Colexio do Cardeal
O monumento, en proceso de ser declarado ben de interese cultural, será intervido, entre outros aspectos, para corrixir as gretas provocadas polo terremoto de Lisboa de 1755
Unha vez adxudicado o contrato, as obras terán unha duración máxima de seis meses, tempo no cal se resolverán os principais problemas de seguridade de uso e funcionamento deste sobranceiro ben
Monforte de Lemos (Lugo), 8 de xullo de 2020.- A Xunta de Galicia vén de licitar hoxe cun investimento próximo aos 420.000 euros as obras de conservación na igrexa, claustro e áreas de visita pública no Colexio do Cardeal para solucionar as afeccións que sufre o inmoble, entre elas solucionar as gretas provocadas na igrexa polo célebre terremoto de Lisboa de 1755, que aínda que non comprometen á estabilidade das bóvedas é preciso corrixir. As actuacións estenderanse por un prazo máximo de seis meses e resolverán os principais problemas de conservación deste monumento que está en proceso de ser declarado ben de interese cultural.
Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura e Turismo e a fundación Colexio de Nosa Señora da Antiga asinaron o pasado mes de xuño un convenio para a posta a disposición da Administración autonómica deste espazo monumental lugués. Esta actuación resolverá os principais problemas de seguridade de uso e funcionamento do edificio, acometendo obras de conservación que eviten un maior deterioro do ben.
Esta obra forma parte dunha liña de traballo da Xunta de Galicia con vistas a reforzar a Candidatura da Paisaxe cultural da Ribeira Sacra a Patrimonio Universal, a un ano vista da súa presentación, estudo e debate no seo da 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO.
Traballos de restauración
Entre as actuacións previstas atópase o selado da greta do muro do presbiterio e a substitución da cuberta de tella da zona do presbiterio. Ademais, corrixiranse as afeccións detectadas, acometendo a consolidación da bóveda do presbiterio, cunha actuación consistente na recolocación de varias doelas descolgadas próximas ao retablo maior, a reparación de gretas e a posta en carga da bóveda.
Finalmente, restaurarase e porase en valor o pasadizo existente tras o presbiterio cunha actuación específica en todos os seus elementos construtivos, apertura de ocos e execución dunha escaleira exterior de evacuación de incendios; aplicarase un tratamento de desinsectación do pavimento e dos elementos mobles da igrexa, e efectuaranse pequenas actuacións nas carpinterías do tambor da cúpula para evitar a entrada de auga máis importante.
Isto permitirá evitar as filtracións que se están a producir na cuberta do presbiterio e que están a degradar a estrutura da bóveda; arranxar e recuperar o pasadizo que comunica as dúas alas na planta baixa, que se reformou por última vez no ano 1835; reverter a entrada de auga a través das carpinterías do tambor na cúpula, e deter os ataques xilófagos no interior da igrexa que está afectando tanto ao pavimento como a diferentes elementos mobles.
Singularidade da Nosa Señora da Antiga
A construción do Colexio da Nosa Señora da Antiga comezouse a finais do século XVI por iniciativa do cardeal de Sevilla don Rodrigo de Castro, para que, rexentado pola Compañía de Xesús, servira para a educación da comarca e de toda Galicia. Os biógrafos do Cardeal descríbeno como un humanista refinado, amante da arte e mecenas da cultura que nun momento da súa madurez decide crear unha institución filantrópica na cidade da súa infancia, Monforte, e doarlle a súa colección de obras de arte e biblioteca.
O Colexio de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal ou Colexio da Compañía é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. O inmoble amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súas adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.
Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.
Historia construtiva
En 1586 comezou as conversas para a creación do colexio cos Xesuítas, cos que mantiña moi boa relación e cinco anos despois encargou a compra dos terreos e ao ano seguinte as obras saíron a poxa. As obras do colexio comezaron en 1593 co proxecto que redactaron Andrés Ruiz, un xesuíta da escola de Valladolid, e Vermondo Resta, o arquitecto do cardeal en Sevilla.
O inmoble estivo ao longo da súa historia relacionado coa función educativa, se ben pasou por épocas de maior ou menor esplendor. Incluso por etapas de decadencia relacionadas cos danos consecuencia do terremoto de Lisboa (1755), coa expulsión dos Xesuítas (1767), os saqueos das tropas francesas (1809) ou un incendio en 1824.
Xa en mans dos pais Escolapios, que se fan cargo do colexio no ano 1873, o edificio puido rematarse no primeiro cuarto do século XX grazas ao recoñecemento do valor e posterior venta dun dos cadros que constitúen a senlleira colección pictórica e de obras de arte do Colexio. O cadro, obra do pintos flamenco Hugo van der Goes, vendeuse ao goberno alemán por unha importante suma económica que permitiu rematar as obras entre 1919 e 1930 co apoio e supervisión da Casa de Alba.